Actualidade e Noticias



O cemiterio de Barcia de Mera, en Covelo, xa lembra aos seus na súa lingua materna
- 11/11/2023 -

Barcia de Mera acolleu o primeiro acto de Restauración da Memoria Lingüística celebrado en Covelo cunha homenaxe ao fundador do orfeón Treixadura
O Concello de Covelo sumouse á iniciativa de Restauración da Memoria Lingüística de Galicia en Galego da man do seu prezado veciño, Domingo Lorenzo Vello. Coñecido como “Mingos” foi gaiteiro e fundador do afamado orfeón “Treixadura” espallando a lingua galega a través das súas cancións.

 

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, explica que o Covelo quixo recoñecer, así, a aportación de Mingos como promotor do uso da lingua galega, difundindo o folclore popular e levando o nome da súa vila e de Galicia alí onde actuou, ademais de renderlle unha cariñosa homenaxe. No acto celebrado no camposanto de Barcia de Mera colocouse, tamén, unha lápida que amosa o fondo agradecemento a todas as persoas que xacen nese camposanto “porque grazas a elas e eles Galicia segue a ter a lingua e cultura de seu”. Fini Varela, acordeonista e dona de Mingos, lembrou o significado que a música, a lingua e Treixadura tiveron na vida de seu home, mentres que o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG), Pepe González, enfatizou o dereito a ser recordado na lingua coa que naceches e coa que te comunicaches ao longo da vida. “Tan só un dous por cento das esquelas publicadas nos medios son en lingua galega e tan só un 1% das lápidas a pesar de ser a lingua nai da maioría de todos nós. Dende a nosa asociación animamos a recoller nas vontades testamentarias o dereito a ser recordado na lingua na que viviches”.

 

O párroco de Barcia de Mera, Rafael Antela, rescatou da memoria ao primeiro cardeal de Santiago en celebrar a misa en galego a mediados do século pasado, Fernando Quiroga Palacios, e defendeu os oficios relixiosos en galego levando el máis de trinta anos predicando en galego “porque Deus entende todas as linguas”.

 

Baixo a campaña “En galego agora e sempre” a AFNLG, Galeguizargaliza (grupo de asociacións que comparten un mesmo obxectivo: dinamizar a cultura galega e normalizar o uso da nosa lingua en distintos ámbitos da vida social, cultural, económica e administrativa), a Xunta de Galicia e o Concello de Covelo queren facer pedagoxía sobre a incoherencia de soterrar aos seres queridos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida.

 

O noso veciño de Barcia de Mera, Mingos, decidíu ao longo da súa vida chegar ás persoas a través da música, do canto e do galego, motivo polo que coidamos que era a figura coa que debíamos dar o primeiro paso”, explica Pablo Castillo.

 

Mingos Lorenzo formaba parte dese grupo de artistas que empezaron facendo música popular nas tascas e lograron colocala onde merecía. Compoñente do grupo A Roda, con quen compartiu o gusto polo canto popular, pasou de gaiteiro a converterse no ano 1990 en membro fundador do Orfeón Treixadura.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade