Actualidade e Noticias



Covelo restaura a memoria lingüística da man do recordo do gaiteiro Mingos de Barcia de Mera
- 08/11/2023 -

O camposanto de Barcia de Mera acollerá o 11 de novembro o primeiro acto de Restauración da Memoria Lingüística cunha homenaxe ao fundador do orfeón Treixadura
O Concello de Covelo súmase á iniciativa de Restauración da Memoria Lingüística de Galicia en Galego da man do seu prezado veciño, Domingo Lorenzo Vello. Coñecido como “Mingos” foi gaiteiro e fundador do afamado orfeón “Treixadura” espallando a lingua galega a través das súas cancións.

 

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, convida a toda a cidadanía a participar no acto de recoñecemento da figura de Mingos e de restauración da memoria lingüística do Concello de Covelo que terá lugar o vindeiro día 11 de novembro ás 13 horas no cemiterio de Barcia de Mera. Durante o acto colocarase unha lápida en galego no recordo de Mingos, promotor do uso da lingua galega, difundindo o folclore popular e levando o nome da súa vila e de Galicia alí onde actuou. Ademais, colocarase unha lápida máis que amosará o fondo agradecemento a todas as persoas que xacen nese camposanto “porque grazas a elas e eles Galicia segue a ter a lingua e cultura de seu”.

 

Baixo a campaña “En galego agora e sempre” a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG), Galeguizargaliza (grupo de asociacións que comparten un mesmo obxectivo: dinamizar a cultura galega e normalizar o uso da nosa lingua en distintos ámbitos da vida social, cultural, económica e administrativa), a Xunta de Galicia e o Concello de Covelo queren facer pedagoxía sobre a incoherencia de soterrar aos seres queridos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida.

 

O noso veciño de Barcia de Mera, Mingos, decidíu ao longo da súa vida chegar ás persoas a través da música, do canto e do galego, motivo polo que coidamos que era a figura coa que debíamos dar o primeiro paso”, explica Pablo Castillo.

 

Mingos Lorenzo formaba parte dese grupo de artistas que empezaron facendo música popular nas tascas e lograron colocala onde merecía. Compoñente do grupo A Roda, con quen compartiu o gusto polo canto popular, pasou de gaiteiro a converterse no ano 1990 en membro fundador do orfeón Treixadura.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade