Actualidade e Noticias



Covelo promove a creatividade co seu concurso fotográfico para o calendario de 2024
- 24/10/2023 -

Doce fotografías de interese turístico, cultural e patrimonial formarán parte dos dous mil calendarios do 2024 que, como de costume, serán repartidos entre a veciñanza no mes de nadal
Fomentar a participación da veciñanza en actividades artísticas e creativas é o obxectivo do IV Concurso Fotográfico Concello de Covelo. Ata o venres 17 de novembro ás 13:30 horas poderán presentarse as fotografías que respondan ao tema elixido para este ano, “Covelo, Turismo, Cultura e Patrimonio”. Doce fotografías de interese turístico, cultural e patrimonial formarán parte dos dous mil calendarios do 2024 que, como de costume, serán repartidos entre a veciñanza no mes de nadal. Deste xeito tan visual, a riqueza natural e histórica do Concello de Covelo formará parte do día a día das persoas que pasen a recollelo pola Casa do Concello a partir de mediados de decembro.


As persoas interesadas en participar deberán achegar as súas fotografías á Biblioteca Pública Municipal impresas en cor en branco e negro en papel fotográfico horizontal de tamaño 21x30 cm. (300 p.p.) e tamén en formato dixital. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.


As fotos serán presentadas baixo un código escrito no respaldo da fotografía facilitado na biblioteca, e sen datos do autor. Irán acompañadas dun sobre pechado, e no exterior deste figurará o mesmo código que o das fotografías e no interior do sobre depositarase unha nota co nome, apelidos, domicilio e teléfono de contacto do autor.


O sábado día 18 ás 19:30 no Auditorio Municipal de Covelo terá lugar a apertura da exposición das fotografías presentadas e a partir das 20 horas un xurado formado por fotógrafas e fotógrafos profesionais darán o seu veredicto.


A concellería de Cultura informa que se establecen tres premios. A persoa gañadora poderá elixir entre un curso de fotografía ou unha experiencia fotográfica de montaña. O segundo posto recibirá 2 ampliacións fotográficas de 40x30 cm e o terceiro premiado unha ampliación fotográfica de 40x30 cm tamén sobre soporte ríxido.


As bases pódense consultar na páxina web do Concello.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade