Actualidade e Noticias



Máis de 7.000 persoas aloxáronse en Covelo en xullo e agosto
- 17/10/2023 -

O Concello de Covelo realizou unha enquisa entre os locais de hostalaría que arroxa datos dun perfil de visitante no que destacan as parellas e as familias con nenas e nenos de estancias longas e atraídas pola riqueza natural e o patrimonio histórico
Familias de toda España elexiron Covelo como destino turístico no que descansar e gozar do medio natural. O Concello de Covelo recibíu máis de 7.000 persoas nos meses de xullo e agosto segundo revela a enquisa realizada pola concellaría de Turismo que dirixe o alcalde Pablo Castillo e a concelleira Lourdes Enes. Covelo fai balance para coñecer a situación real do sector turístico local nestes dous meses de tempada alta aos que habería que engadirlle os datos de xuño, setembro e a primeira quincena de outubro non reflexados nesta enquisa.

 

A través dunha recollida de datos realizada entre o albergue, as casas de turismo rural, cámping, hoteis, rectorais e vivendas ocupacionais preguntaron polo perfil dos e das hóspedes, a duración da estancia, os motivos polo que chegan a Covelo, a súa procedencia e a calidade da estadía. Cos datos na man, o Concello de Covelo deseñará a súa estratexia de promoción e oferta cultural e de lecer para o vindeiro ano.

 

A ampla oferta de casas de turismo rural, albergue, pensión, rectorais, hotel, cámping e quintas atraeu a visitantes de toda Europa pero salienta, sobre todo, o número de familias chegadas do resto de España que atoparon en Covelo un lugar onde ter un tempo de lecer e descanso. A calidade do aire, un ceo pulcro no que observar todas as estrelas, a pureza da auga dos ríos, a ausencia de ruído e unha oferta gastronómica e cultural axeitada fan que este pulmón verde sexa cada vez máis apreciado pola cidadanía non só da área metropolitana de Vigo, tamén polo resto da provincia, e así se recolle nas observacións ofrecidas nas enquisas.

 

O Concello de Covelo atrae a persoas mozas pero tamén maduras cuns datos que amosan que a maioría das e dos ocupantes das prazas hoteleiras estaban entre os 25 e os 54 anos. Parellas pero, sobre todo, moitas familias con nenos/nenas que preferiron reservar estancias longas dunha semana ou máis. “O resultado da enquisa reflicte que temos un abano de idades amplo pero que son coincidentes no motivo que os move a Covelo, a nosa riqueza natural e histórica, algo que nos diferencia. As boas vías de comunicación por estrada, pola cercanía ao aeroporto e ao AVE, facilitan a chegada. Outra consideración importante é a ampla oferta que vai dende o a pensión ou o albergue ás rectorais pasando por quintas ou vivendas, é dicir, hai variedade para cubrir todos os públicos”, explica Enes.

 

Preguntadas/dos polo motivo que elexiron Covelo responderon, por maioría, polas rutas de sendeirismo, pola paisaxe natural e polos ríos, salientando a frondosidade e riqueza de carballeiras e fragas, tamén do miradoiro do Castelo do Faro e de moitos outros puntos máis agochados nos outeiros das parroquias de montaña e puntos altos do Suído. Ademais, a enquisa recolle que o patrimonio histórico foi outro dos atractivos do Concello de Covelo.

 

Ao longo do ano son moitas as persoas da área metropolitana de Vigo que visitan Covelo nas fins de semana polo seu alto valor medio ambiental e polas actividades guiadas estables que se ofertan ao longo de todo o ano. O goberno de Covelo adianta que seguirá nesta liña programando actividades de lecer e promoción de hábitos de vida saudable ao longo dos doce meses do ano para atraer ao público de fin de semana e ao de proximidade pero tamén para satisfacer as necesidades da súa propia cidadanía e brindando a todos eles e ellas un espazo de encontro no que socializar arredor de inquedanzas compartidas.

 

O alcalde, Pablo Castillo, sinala que “a veciñanza de Covelo é o máis importante para nós, motivo polo que tentamos mellorar os servizos e os espazos públicos así como ofrecer unha programación cultural que sexa do interese xeral. Por outro lado, procuramos que esa oferta sexa tamén atractiva para as persoas que nos visitan porque promovemos así a nosa hostalaría que, ademais, ofrece posibilidades para as distintas capacidades adquisitivas”.

 

 

 

 

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade