Actualidade e Noticias



Covelo participou na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
- 05/10/2023 -

A concelleira Lourdes Enes destaca a importancia de aprender doutras culturas
e experiencias pero tamén de achegar o noso gran de area porque o global é local
O Concello de Covelo participou na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que é membro dende o ano 2006. A concelleira delegada para representar ao Concello, Lourdes Enes, destaca que “pertencer ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade permítenos aprender doutras culturas e experiencias pero tamén achegar o noso gran de area para construir un mundo máis xusto porque o global é local e é responsabilidade de todas e de todos”.

 

Representantes duns corenta concellos participaron na Asemblea Xeral celebrada na capital de Galicia, que se abriu cun balance do período 2019-2023 por parte do seu presidente. Juan González expresou como “o Fondo Galego permite que calquera municipio achegue o seu gran de area á construción dun mundo mellor, pois aportando moi pouquiño temos a posibilidade e o orgullo de facer cooperación internacional”. O rexedor situou entre os logros do mandato a adopción dun sistema de cotas máis proporcional, o relanzamento da cooperación técnica realizada por persoal municipal, o impulso á implementación da Axenda 2030 no eido local ou a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.

 

O equipo técnico da entidade repasou a continuación as accións que se están a promover no ano en curso, comezando polos proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur Global. Nestes intres, estanse a apoiar sete actuacións directas ou a través de ONGD galegas no Sáhara, Mozambique, Guinea-Bissau, Guatemala, Nicaragua e El Salvador. Ademais, nas vindeiras semanas persoal dos concellos de Boiro, Lousame e Pontedeume compartirá os seus coñecementos cos parceiros en terreo a través do programa Especialistas en Cooperar. Tamén proximamente se celebrará na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía e organizarase ademais unha misión aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís na que políticas e políticos das deputacións e concellos están chamados a participar.

 

Na Asemblea Xeral presentouse tamén en primicia a campaña ‘313 Olladas Solidarias’ que o Fondo Galego desenvolverá neste último trimestre por toda Galicia co fin de ampliar o número de administracións locais socias. En canto ás accións desenvolvidas no presente exercicio en relación coa sensibilización e o fortalecemento institucional, destacan o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, organizado en Lugo coa participación de máis de 200 asistentes, ou as recentes visitas de delegacións chegadas Brasil, Italia, Príncipe e da República Árabe Democrática Saharauí para intercambiar experiencias.

 

Por último, na área de educación para a cidadanía global cobra especial protagonismo o proxecto europeo People & Planet, que busca involucrar á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático a través de actividades como consellos xuvenís, comunicación de guerrilla, performance, debuxo urbano, cociña sostible, concursos de vídeos e murais, exposicións virtuais ou os futuros obradoiros para a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A xuntanza pechouse lembrando as ferramentas comunicativas que ofrece o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como son as súas redes sociais.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade