Actualidade e Noticias



Domingo de ruta de sendeirismo en Covelo
- 04/10/2023 -

O roteiro AQA percorre sendeiros novos e camiños tradicionais a través de paisaxes fermosas da beira do río Tea
O Concello de Covelo continua traballando para a posta en valor e coñecemento do seu patrimonio medio ambiental e organiza para este domingo o roteiro AQA. Dentro da programación estable de actividades turístico-deportivas que o Concello ofrece co apoio da Deputación de Pontevedra, este domingo día 8 de outubro poderamos coñecer as ribeiras do río Tea.


A pé para que non se nos escape ningún detalle e da man do guía de montaña e biólogo Julio Eiroa, as persoas participantes percorrerán doce quilómetros ao longo dunha ruta circular con saída dende a praia fluvial de Maceira.


O número de prazas ofertadas son 20 e para participar é preciso unha inscricion previa no número de teléfono do guía local, 654.500.652. A hora de saída é as 09:00 horas e o punto de encontro a praia fluvial de Maceira.


Arredor de cinco horas de camiñata que nos permitirán coñecer o roteiro AQA que percorre sendeiros novos e camiños tradicionais, a través de paisaxes fermosas das ribeiras do río Tea. Tendo como base un roteiro circular entre o lugar de Redondo e a fermosa praia fluvial de Maceira, tamén existen dúas posibles derivacións. Nunha delas,con chegada nos muíños de Portafurado en Barcia de Mera, histórico lugar preto do conxunto abacial do mesmo nome. Noutra derivación pódese saír do val do Tea en Lourido, para chegar ata a vila de Santiago de Covelo, capital do municipio.

 


A auga é o sangue que dá vida aos diversos ecosistemas polos que pasa o camiño, nos que habitan verdadeiros tesouros da flora e fauna galega. A auga tamén deu lugar a un patrimonio etnográfico excepcional: de presas, levadas e muíños, de fontes e pasos, testemuños do íntimo vencello entre os covelenses e o río Tea (espazo que forma parte da Rede Natura 2000), ao longo dos séculos.


O roteiro AQA coas súas derivacións convértese no tramo balizado con maior percorrido do concello. Con varias alternativas de percorrido para os menos e máis camiñantes, débese estremar as precaucións na levadas e nos pasos de Lourido.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade