Actualidade e Noticias



O Plan de Igualdade de Covelo axudará a 6 mulleres a obter o carné B, C e CAP
- 27/09/2023 -

O Concello de Covelo investirá 6.567€ nesta formación que promove a inserción laboral das mulleres maiores de 29 anos e empadroadas no concello
A concellería de Igualdade do Concello de Covelo, que dirixe María José Valiñas, en colaboración coa concellería de Emprego e Formación, que dirixe Lourdes Enes, reiteran a súa aposta de apoio á inserción laboral das mulleres e informan que está aberto o prazo para preinscribirse no curso para a obtención dos carnés de conducir B, C e CAP.


No marco do III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Covelo ofertarase por primeira vez esta formación que abre o prazo para inscribirse ata o día 2 de outubro e do que se poderán beneficiar as mulleres maiores de 29 anos empadroadas e que residan no Concello de Covelo con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2023 no concello. “O obxecto deste proxecto é favorecer a inserción e a conciliación da vida persoal e familiar, a través da obtención do carné de conducir, clase B, Clase C máis CAP para mulleres empadroadas en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades”, explica M.ª José Valiñas.


Logo de ter realizado un estudo comparativo entre mulleres e homes no municipio, o Concello de Covelo pon en marcha distintas actuacións co fin de paliar as desigualdades existentes e conseguir unha maior igualdade entre os sexos. Unha das accións é o curso do carné B, C e CAP que abrirá unha nova vía laboral ás mulleres, fomentará a súa emancipación e liberdade de movementos e a posibilidade de mellorar o seu curriculum.


O Concello de Covelo investirá 6.567€ nesta formación dirixida a 6 mulleres con 4 cursos de carné de conducir B e 2 cursos de carné de conducir C + CAP. “Esta iniciativa ao igual que o resto das accións recollidas no Plan de Igualdade perseguen un cambio de valores, fomentar a eliminación dos roles e estereotipos sexistas e promover o principio de igualdade de oportunidades na formación, o emprego e na conciliación da vida laboral, persoal e familiar das mulleres e homes do Concello de Covelo”, explica a concelleira María José Valiñas.


Para reducir os desprazamentos a parte teórica do carné B impartirase en Covelo. A concelleira adianta que na páxina web do Concello poderase obter toda a información así como nas oficinas municipais.


Pola súa banda, o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, anima a toda a cidadanía seguir formándose, “calquera idade é boa para seguir aprendendo, dende o Concello intentamos ofrecer unha formación continua a través dos convenios coa Universidade de Vigo e con distintas administracións públicas para beneficiar a nosa veciñanza de cursos cos que manterse actualizados e, sobre todo, manterse activos”.


Impartir unha formación especializada ás mulleres desempregadas da localidade, especialmente a aquelas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade social e que supoña facilitar o seu acceso ao mercado laboral son as premisas deste curso que se desenvolve en colaboración con outras administracións públicas como a Deputación de Pontevedra que o cofinancia.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade