Present News



Aberto o prazo de inscrición para solicitar as axudas á natalidade do Concello de Covelo
- 26/09/2023 -

Para estas axudas de fomento da natalidade e apoio ás familias o Concello destina unha partida de 5.500€
 Ata o un de decembro estará aberto o prazo para solicitar as axudas á natalidade do Concello de Covelo, así o informa o alcalde, Pablo Castillo, “este é o noso agasallo de benvida para as novas crianzas do noso concello ás que tentaremos seguir apoiando ao longo da súa infancia coas axudas para material en educación infantil, ofrecendo servizos que faciliten a conciliación familiar e laboral como a aula matinal en colaboración coa ANPA do colexio Antonio Blanco ou os campamentos de verán; servizos como o de Atención Temperá para aqueles/as que precisen un seguemento específico ou actividades de lecer e obradoiros nos que promover a súa creatividade e todo o que estea nas nosas mans”.


Co obxectivo último de fomentar a natalidade e co inmediato de dar unha axuda ás familias de Covelo que teñan fillos por nacemento ou adopción ponse en marcha unha nova convocatoria da que se poderán beneficiar as familias empadroadas no concello con pero que ademais teñan a súa residencia efectiva, polo que tanto as persoas beneficiarias como as súas fillas e fillos deberán vivir habitualmente en calquera das parroquias do concello de Covelo.


Para estas axudas, que tamén perseguen fixar poboación no rural, o Concello destina unha partida de 5.500€ correspondendo un total de 500€ a cada neno ou nena nado ou adoptado entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023. “Unha medida de apoio que atopa o seu fundamento na lóxica necesidade de que, sendo a natalidade un beneficio para todas as persoas, é lexítimo axudar as nais e pais a soportar as indubidables cargas materiais que se ocasionan sobre todo nos primeiros meses de vida dunha nena ou un neno”, engade o alcalde.

As bases para solicitar estas axudas están xa dispoñibles na páxina web do Concello.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade