Actualidade e Noticias



Xornada de observación estelar no Castelo do Faro en Covelo
- 21/09/2023 -

Dentro da programación cultural e de promoción turística que se realiza ao longo do ano, o Concello de Covelo organiza un roteiro guiado no punto xeodésico máis alto da provincia este sábado 23 de setembro
O Concello de Covelo organiza unha nova xornada de observación estelar. En colaboración coa Deputación de Pontevedra e o GDR Condado Paradanta, e dentro da programación cultural estable que se ofrece ao longo do ano no concello, esta fin de semana corenta persoas poderán gozar do roteiro guiado e observación estelar na paraxe starlight do Castelo do Faro.


Ás 18:00 horas deste sábado 23 partirán da igrexa de Prado para subir ao miradoiro paisaxístico do Faro, o punto xeodésico máis alto de Pontevedra con 1.154m de altitude situado na parroquia de Prado. De once da noite a dúas da madrugada observarán o firmamento da man da Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía.


As persoas interesadas en participar nesta actividade de interpretación astronómica deberán contactar nos números de teléfono 622 676 355 / 986 65 00 27.


O alcalde, Pablo Castillo, explica que esta actividade, deseñada dengtro da estrataxia de promoción turística que se desenvolve tanto en tempada alta como baixa, supón unha ocasión única na que aprender ao aire libre da man de expertos, gozar dunha actividade saúdable nunha contorna natural e confraternizar co resto das e dos participantes.


Covelo, Paraxe Starlight, o Faro de Avión posúe este recoñecemento que acredita a calidade do ceo na zona, certificación que concede a Fundación Starlight, unha entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias, en recoñecemento a aqueles espazos que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade