Present News



Plan para unha fin de semana completa no concello de Covelo
- 04/03/2022 -

O sábado celebrarase a cita mensual coa Mostra de Produtos de Covelo e o domingo terá lugar unha nova xornada de portas abertas no Serradoiro dos Carranos
 Ás portas da fin de semana o concello de Covelo ofrece plans para un sábado e un domingo de lecer no que non faltarán a boa gastronomía, produtos da terra, música, moita natureza, rutas de sendeirismo, visitas guiadas, museos e unha longa listaxe de atractivos na súa frondosa contorna.

Como cada primeira fin de semana de mes chega unha nova edición da “Mostra de Produtos de Covelo”. De 10 a 14 horas poderemos mercar produtos locais e comarcais, compartir conversas e gozar da música. As persoas que se acheguen ao centro de Covelo atoparás postos de alimentación ecolóxica e produtos de proximidade, artesanía, cestaría, cosmética natural, decoración, horta ecolóxica, macramé, maquetería, panadaría, textil, voluntariado social ou xoiaría entre outros moitos postos. Tamén poderemos adquirir libros e obxectos de segunda man e, como non, probar unha boa tapa de polbo.

A música chegará á feira a partir das 12 horas da man de Breocáns Folk e a sesión vermú ás 13 horas na praza Mestre Cerviño e contorna.

A concelleira de Cultura e Turismo, Lourdes Enes, lembra que, por mor das obras de humanización da praza Mestre Cerviño, a feira celebrarase na travesía de Vigo na contorna do lavadoiro. “A Mostra de Produtos de Covelo medra e incorporamos novos postos de produtores e veciñanza da zona que acude para intercambiar e vender todo tipo de obxectos e produtos”.

Quédate en Covelo
A concelleira explica que cada vez son máis os que optan por visitar a feira e quedar a pasar a fin de semana gozando dalgunha das rutas de sendeirismo, visitando o Pazo Museo Casa da Cruz, xantando nos bares e restaurantes locais e pasando a noite en calquera das nosas casas reitoriais ou aloxamentos rurais.

Ademais da proposta estable de rutas de sendeirismo e visitas ao lagar da cera de Paraños ou á Casa Museo Etnografico Pazo da Cruz. , este domingo haberá unha nova xornada de portas abertas no Serradoiro dos Carranos. A inscrición segue aberta no número de teléfono 654 500 652. Ao longo da mañá haberá catro pases: de 10 a 11:30, de 12 a 13:30, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. O número máximo de persoas por grupo será de 20 e é obrigatorio o uso de medidas de hixiene COVID-19 e o emprego de mascariña.

As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra (liña de subvención Plan Concellos) para o ano 2022. Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz e as de observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía.


<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade