O inmoble, de arredor de cen metros cadrados, está ubicado xusto enriba da biblioteca municipal e permitirá ofrecer un espazo máis amplo e cómodo, dispor dunha oferta de libros de lectura maior e a posibilidade de desenvolver novos servizos para as persoas usuarias deste servizo público.
“Atendendo á necesidade da veciñanza o Concello merca hoxe este inmoble que supón un avance na mellora dos servizos públicos. Estes cen metros cadrados permitirán ampliar o fondo de libros, ter zonas separadas para os distintos usos que se fan da biblioteca e realizar novas actividades”, explica Pablo Castillo.
A biblioteca pública municipal presta os seus servizos dende o 13 de outubro de 1998. Para adaptarse ao ritmo das persoas usuarias o horario de inverno, que comeza o luns 18, é de 10 a 14 e de 16 a 19 horas de luns a venres. Ademais, o último venres de setembro retómase o club de lectura para familias de 18:15 a 20 horas.
A biblioteca pública de Covelo está situada na Travesía de Vigo e dispón de máis de 15.000 exemplares e un arquivo fotográfico e videográfico de todo o municipio, ademais de diversos contidos dixitais e unha hemeroteca. Tamén hai un punto de acceso wifi a internet a disposición do público totalmente gratuíto, con nove ordenadores linux, impresora e escaner.
Ao longo do ano a biblioteca de Covelo incrementa os seus fondos coa compra de material bibliográfico a través do orzamento destinado polo Concello de Covelo e das subvencións solicitadas á Xunta de Galicia, unha para mellora da colección da biblioteca e outra destinada a novidades editoriais en galego.
Dende a biblioteca realizan unha selección do material que sexa acorde coas peticións e necesidades da poboación do concello e dos usuarios/as da biblioteca. Por isto, durante todo o ano, admítense suxestións e peticións de material bibliográfico por parte dos usuarios e persoas interesadas en algún tema, para que durante o ano se poida ir mercando o material en canto sexa posible.