O Ciclo de Música de Barcia de Mera celebrou o seu decimoquinto aniversario con novidosas apostas e estreas a nivel nacional como o concerto espectáculo do dúo de piano e chelo acompañado dunha interpretación poética, “La música en otros cuerpos” ou a estrea de “Desarraigo” da actríz Vicky Peña e Orestes Gás.
As pezas de Mozart, Brahms, Bach ou os sons medievais galaico portugueses, entre outros encheron de música cada recuncho do conxunto abacial de Barcia de Mera. O chelista Guillermo Pastrana, o Trío Domaní, a Orquestra Sinfónica de Galicia e moitos outros músicos de primeiro nivel fixeron posible que o público gozara de interpretacións maxistrais.
A programación desta decimoquinta edición péchase este sábado ás 20 horas con Vox Stellae, que leva acompañando ao Ciclo de Música de Barcia de Mera dende os seus comezos e que este ano cumpren vinte anos dende a súa fundación “e queremos celebralo con eles”, engade Nieves García Sotos qu xunto ao Pai Rafael decidiron facer do conxunto abacial de Barcia de Mera o epicentro das persoas amantes da música clásica posibilitando escoitar a voces e músicos de primeiro nivel nesta fermosa contorna e conseguírono.
Un dos seus sinais de identidade de Vox Stellae é a difusión da música galega, tanto a dos arquivos das catedrais como a creación contemporánea e a música popular. Amais de participar en actos institucionais e concertos didácticos, ten actuado en tempadas de abono e festivais de todo o mundo.
Pablo Castillo, alcalde de Covelo agradece o traballo realizado pola asociación Ciclo de Música de Barcia de Mera salientando que “posicionan ao noso concello a niveles nacionais e en foros musicais de todo o mundo con músicos dos primeiros teatros e auditorios ademais de atraer, edición tras edición, a moitas veciñas e veciños de fóra de Galicia pero tamén da área metropolitana e do sur de Galicia”.
O Ciclo de Música de Barcia de Mera seguirá e con él avanzaremos no coñecemento da música culta descubrindo, ano tras ano, que todas e todos podemos, con ou sen coñecementos teóricos, podemos atopar refuxo nas notas.
Para asistir ao concerto débese reservar praza no número de teléfono 658 627 525.