Actualidade e Noticias



Vox Stellae clausura a XV edición do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, Covelo
- 13/09/2023 -

Será o sábado día 16 ás 20 horas na igrexa de San Martiño de Barcia de Mera
O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera ofrece o seu sétimo concerto este sábado día 16 de setembro. Vox Stellae será o grupo de música encargado do peche da décimoquinta edición deste exitoso ciclo ideado por Nieves García Sotos e o pai Rafael, naquel entón párroco de San Martiño de Barcia de Mera. “Estes quince anos foi unha caixa ateigada de satifaccións porque comezamos dun xeito moi sinxelo con aquela inauguración do retablo da igrexa de Barcia de Mera que deu lugar á primeira edición con dous concertos pero xa a partir de aí organizamos unha programación estable incrementándose o número de público. Cada ano fomos traendo a artistas, a solistas e a músicos cada vez máis importantes”, resume Nieves García.


O Ciclo de Música de Barcia de Mera celebrou o seu decimoquinto aniversario con novidosas apostas e estreas a nivel nacional como o concerto espectáculo do dúo de piano e chelo acompañado dunha interpretación poética, “La música en otros cuerpos” ou a estrea de “Desarraigo” da actríz Vicky Peña e Orestes Gás.


As pezas de Mozart, Brahms, Bach ou os sons medievais galaico portugueses, entre outros encheron de música cada recuncho do conxunto abacial de Barcia de Mera. O chelista Guillermo Pastrana, o Trío Domaní, a Orquestra Sinfónica de Galicia e moitos outros músicos de primeiro nivel fixeron posible que o público gozara de interpretacións maxistrais.


A programación desta decimoquinta edición péchase este sábado ás 20 horas con Vox Stellae, que leva acompañando ao Ciclo de Música de Barcia de Mera dende os seus comezos e que este ano cumpren vinte anos dende a súa fundación “e queremos celebralo con eles”, engade Nieves García Sotos qu xunto ao Pai Rafael decidiron facer do conxunto abacial de Barcia de Mera o epicentro das persoas amantes da música clásica posibilitando escoitar a voces e músicos de primeiro nivel nesta fermosa contorna e conseguírono.


Un dos seus sinais de identidade de Vox Stellae é a difusión da música galega, tanto a dos arquivos das catedrais como a creación contemporánea e a música popular. Amais de participar en actos institucionais e concertos didácticos, ten actuado en tempadas de abono e festivais de todo o mundo.


Pablo Castillo, alcalde de Covelo agradece o traballo realizado pola asociación Ciclo de Música de Barcia de Mera salientando que “posicionan ao noso concello a niveles nacionais e en foros musicais de todo o mundo con músicos dos primeiros teatros e auditorios ademais de atraer, edición tras edición, a moitas veciñas e veciños de fóra de Galicia pero tamén da área metropolitana e do sur de Galicia”.


O Ciclo de Música de Barcia de Mera seguirá e con él avanzaremos no coñecemento da música culta descubrindo, ano tras ano, que todas e todos podemos, con ou sen coñecementos teóricos, podemos atopar refuxo nas notas.


Para asistir ao concerto débese reservar praza no número de teléfono 658 627 525.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade