Actualidade e Noticias



Centos de patinadoras e patinadores competirán este sábado en Covelo
- 11/09/2023 -

O Concello de Covelo acolle este sábado día 16 o VII Trofeo Cruceiro de Covelo no que competirán máis de 150 patinadoras e patinadores das categorías benxamín, alevín e infantil
O Concello de Covelo acolle este sábado día 16 o VII Trofeo Cruceiro de Covelo no que competirán máis de 150 patinadoras e patinadores das categorías benxamín, alevín e infantil.

 

Clubs de toda Galicia e deportistas autonómicos e nacionais medirán as súas forzas nos niveis 1, 2, 3, 4 e 5. O VII Trofeo Cruceiro de Covelo supón a oportunidade de gozar do espectáculo deportivo da patinaxe e das e dos mellores patinadores que levan o nome dos seus clubs por competicións e trofeos de toda España.

 

O Club Covelo Patinaxe Artística, organizador do encontro en colaboración co Concello de Covelo, da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Patinaxe e co apoio dos seus patrocinadores, convida a todo a cidadanía a asistir e apoiar, así, non só ao club local tamén a todas as/os deportistas.

 

Dende ás nove da mañá e ata ás dez da noite todas as persoas poderán achegarse ao pavillón municipal de Covelo que terá aberta as súas portas para que cada quen se achegue á hora que queira e non perda a ocasión de achegarse a este deporte.

O Club Covelo Patinaxe ofrece a oportunidade de aprender este deporte tanto a través das escolas deportivas con adestramentos unha vez á semana; como do preclub con dous días de adestramento semanais ou no club con catro días de prácticas á semana. A súa adestradora, Antía Pimentel Gil, salienta a importancia do deporte ao longo da vida das persoas e, sobre todo, na infancia e na mocidade sendo a patinaxe unha disciplina que se pode aprender a calquera idade axeitando a intensidade a medida de cada persoa a través das tres opcións que oferta o Club.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, salienta a importancia destas citas deportivas porque ademais de dar a coñecer o concello e atraer a centos de familias, promove hábitos de vida saúdable e contribúe na sociedade aportando unha actividade saudable e valores fundamentais vencellados ao deporte.

A directiva do Club Covelo Patinaxe Artística anima a todas as persoas interesadas a contactar a través do enderezo electrónico patinaxecovelo@gmail.com




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade