Present News



O concello de Covelo traslada o seu apoio e solidariedade ao pobo de Ucraína
- 03/03/2022 -

Nun comunicado, enviado a diferentes organismos e autoridades, adianta que abre as suas portas a posibles acollementos
 A través dun comunicado o Concello de Covelo vén de trasladar ás distintas autoridades e organismos o seu apoio ao pobo de Ucraína e a súa intención de cooperar para acoller ás familias desprazadas por mor deste conflito bélico.

O concello de Covelo quere facer público o seu apoio ao pobo de Ucraína e manifestar a súa repulsa a todo acto de violencia.

“A seguridade da cidadanía ucraniana está no noso pensamento. Na última semana a destrución e a violencia invadíu as súas cidades e vilas, algo que nestas alturas da historia da humanidade é impensable e totalmente rexeitable. Familias separadas, mortes de poboación civil e militar e todo o esforzo do día a día das persoas de Ucraína vense agora soterrados baixo os escombros dos edificios atacados”, traslada o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, no manifesto enviado ás distintas autoridades.

Nun momento de extrema vulnerabilidade das persoas, o concello de Covelo desexa e agarda que se acade a paz o antes posible e recomenda apostar polo diálogo para resolver os conflitos como única ferramenta posible.

Por último, o Concello de Covelo adianta que abre as suas portas para posibles acollementos e manifesta que seguirá as indicacións das autoridades para recibir, na medida das suas posibilidades, á poboación ucraniana que precise un lugar para vivir esta dura etapa lonxe dunha situación tan cruenta. Ademais, o Concello anima a todos os veciños e veciñas que estean interesados en ofertar unha vivenda para acollida que llo comuniquen para trasladarllo ás autoridades do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.


<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade