Present News



Covelo convida á cidadanía a facer un uso responsable dos contedores de lixo
- 05/09/2023 -

O Concello de Covelo dispón do servizo municipal gratutíto Punto Limpo no que depositar enseres e todos os utensilios que non deben ir ao contedores do lixo
O Concello de Covelo solicita a colaboración da cidadanía para un uso máis responsable dos contedores de lixo e recorda que existe un servizo municipal gratuíto no que depositar os enseres domésticos, Punto Limpo.

 

Dende o Concello informan da importancia de non depositar restos de obras, mobles, colchóns, ferramentas ou utensilios vellos que soen atoparse nos contedores de lixo. Polas súas característicias e dimensións non deben deixarse nos contedores de lixo xa que os enchen e non deixan espazo para depositar os restos diarios das familias. Este mal uso dos contedores provoca, ademais, contínuas avarías no camión da recollida de lixo imposibilitando ofrecer un servizo axeitado ao resto da cidadanía cada vez que o camión debe ir ao taller. Os entullos resultantes das obras son os principais causantes das roturas do sistema hidráulico de elevación dos contedores, entre outros problemas provocados por enseres e materiais pesados que nunca deben ir aos colectores de recollida de residuos destinados para plásticos e restos ordinarios,

 

A cidadanía dispón dun Punto Limpo ubicado xunto á residencia de maiores que abre cada sábado en horario de mañá, de 09:00 horas a 13:00 horas. Un servizo totalmente gratuíto no que os particulares poden deixar todo aquelo que xa non precisen e que non ten cabida nos contedores de recollida de lixo doméstico. Para aquelas persoas que non estean en disposición de desprazarse ao Punto Limpo Municipal, existe a posibilidade da recollida a domicilio únicamente para persoas empadroadas en Covelo que previamente deberán solicitalo nas oficinas do Concello de xeito presencial ou telefónico. Nesta ligazón poden obter información sobre o Punto Limpo de Covelo.

 

A cidadanía de Covelo dispón de contedores amarelos para plásticos e briks e contedores verdes para os restos domésticos así como os iglús verdes para vidro nas parroquias. Ademais, no centro urbano hai un colector téxtil para roupa e calzado xunto ao pavillón deportivo, contedores azuis para cartón e papel, contedor de aceite de cociña e contedor de recollida de pilas, en distintos puntos do centro urbano.

 

 

Recomendacións de uso dos colectores de lixo

Para facer un bo uso do servizo e ser máis cívicos o Concello lembra que lixo se debe depositar en cada contedor. No amarelo poden depositarse envases de plástico, envases metálicos e briks como por exemplo: botellas de plástico; latas de conserva e bebida; tapas e tapóns de plástico, de metal e chapas; bandexas de aluminio; papel film e papel de aluminio; aerosoles; botes de desodorante; bolsas de plástico en si mesmas sen ningún contido; tarrinas e tapas de iogurte; bandexas de corcho branco; tubos de pasta de dentes; envases de cerámica; envases de madeira de froita, viños e bebidas e verdura. Nunca deposites no contedor amarillo: xoguetes de plástico que deben ir ao contedor de restos, aínda que tamén existen diferentes ONG que recollen xoguetes usados para obras sociais. Tampouco deben ir no contedor amarelo biberóns ou chupetes que deben ir ao de restos. Os utensilios de cociña que deixan de ser útiles como unha espátula ou escurridor tampouco deben ir ao amarelo. Os cubos de plástico deben ir ao contedor de restos, o verde, e non ao amarelo. Os briks sempre van ao contedor amarelo xa que está composto de cartón, plástico e aluminio.

 

No contedor azul só papel e cartón como envases de alimentación, calzado, produtos conxelados, papel de envolver, papel de uso diario, etc. Os desfeitos diarios como servilletas de cociña ou papeis suxos deben ir ao contedor de desfeitos orgánicos. Os pañais deben ir ao de restos (gris). Un pequeno truco para aforrar espazo e aumentar a capacidade do contedor é dobrar e comprimir os envases en vez de arrugalos.

 

Tamén é fundamental diferenciar entre vidro e cristal porque ao iglú verde só pode ir o vidro. As bombillas deben levarse ao punto limpo e non ao contedor verde de vidro. Os espellos, cinceiros, vasos ou vaixelas tamén deben ser reciclados no punto limpo.

 

Nesta ligazón podes descargar a guía que axuda a depositar correctamente o lixo.

Nesta outra aplicación pode preguntar as dúbidas e indicaranlle onde depositar cada produto.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade