Covelo comeza o mes de setembro cunha nova edición da súa Mostra de Produtos de Covelo
- 30/08/2023 -
Como cada primeiro sábado de mes de 10 a 14 horas a praza Mestre Cerviño ateigarase de produtos de proximidade, artesanía e segunda man
Como cada primeiro sábado de mes o Concello de Covelo acolle a súa Mostra de Produtos de Covelo na praza Mestre Cerviño do centro urbano. De 10 a 14 horas teremos unha cita cos postos de cosmética natural, xoiaría, maquetería, textil, moda, cestaría, panadaría, horta eco, caracois de terra, cerámica polimérica, artesanía, madeira, tambores chamánicos, queixos, caracois de mar, xoias con cortiza e aceiro, tattoos de henna ou prantas, entre moitos produtos de proximidade, artesanía e segunda man.
O posto de polbo non faltará e tampouco as actuacións e os obradoiros. A partir das 11:30 horas haberá cociña en directo na que aprenderemos a realizar dúas receitas. A continuación, todas as persoas presentes poderán degustar estas saborosas viandas para logo gozar da sesión vermú que virá acompañada de música tamén en directo a partir das 12:30 horas con Bailai Malditos.
A Mostra de Produtos de Covelo conecta aos produtores coa veciñanza que ademais de facer as súas compras, gozan da gastronomía local nun espazo de socialización con ambiente distendido e festivo.