Actualidade e Noticias



Coñece a riqueza medioambiental do roteiro do río Alén e Barcia de Mera, este domingo gratis en Covelo
- 23/08/2023 -

Constituindo no seu conxunto unha das redes fluviais mellor conservadas do sur de Galicia o cauce do río Alén forma parte da Rede Natura 2000 e é unha proposta refrescante para a mañá deste domingo
A concellería de Turismo do Concello de Covelo informa da apertura do prazo de inscrición para o roteiro do río Alén e Barcia de Mera que terá lugar este domingo día 27 de agosto.

 

De trazado lineal e dificultade baixa, as e os participantes percorrerán 10 quilómetros para descubrir a riqueza natural das ribeiras do río Alén. O punto de encontro será os muíños de Portafurado en Barcia de Mera ás nove da mañá e o número de teléfono para realizar a inscrición é o 654 500 652.

 

Vintecinco participantes coñecerán o roteiro do río Alén que percorre parte do territorio da parroquia de Barcia de Mera tendo como eixo o cauce fluvial e o val de aluvión deste río que aporta as súas augas ó río Tea (ambos forman parte da Rede Natura 2000, a rede europea de espazos naturais protexidos), constituindo no seu conxunto unha das redes fluviais mellor conservadas do sur de Galicia en canto a calidade das súas augas, os seus hábitats de ribeira, e especies animais e vexetais.

 

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde en colaboración coa Deputación de Pontevedra e dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.

 

O concello de Covelo oferta rutas guiadas e experiencias de observación de estrelas ao longo de todo o ano e sen custo algún para as persoas participantes.

 

Coñece a ruta

Ao comezar o roteiro atopamos o conxunto abacial de San Martiño de Barcia de Mera, unha obra de altísimo valor patrimonial. De seguido percorremos a barcia do Alén ata a aldea de Caxil e Alén, onde o roteiro chega ata a capela de San Xoán de Mosteiro e o seu cruceiro. Alí comeza unha fermosísima circular no bosque e matogueira de ribeira atlántica, visitando a ponte medieval do Alén e a "Fonte Santa". O camiño de volta retornaremos ós muíños de Portafurado pola mesma senda.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade