Este sábado ás 18:00 horas partirán da igrexa de Prado as e os participantes nesta actividade para subir ao miradoiro paisaxístico do Faro, o punto xeodésico máis alto de Pontevedra con 1.154m de altitude situado na parroquia de Prado. De once da noite a dúas da madrugada observarán o firmamento da man da Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía.
As persoas interesadas en participar nesta actividade de interpretación astronómica deberán contactar nos números de teléfono 622 676 355 / 986 65 00 27.
O alcalde, Pablo Castillo, explica que son ocasións únicas nas que aprender ao aire libre da man de expertos, gozar dunha actividade saúdable nunha contorna natural e confraternizar co resto das e dos participantes.
Covelo, Paraxe Starlight, o Faro de Avión posúe este recoñecemento que acredita a calidade do ceo na zona, certificación que concede a Fundación Starlight, unha entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias, en recoñecemento a aqueles espazos que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación.