Baixo a dirección de José Trigueros a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretará en Barcia de Mera obras de Leó Weiner e Johannes Brahms. José Trigueros é un dos directores españois con maior proxección, sendo director asistente da Joven Orquesta Nacional de España, dirixíu orquestras como a Orquestra de Valencia, a Orquestra Ciudad de Granada, a Orquestra Sinfónica de Navarra, a Orquestra Sinfónica del Vallés, a Orquestra de Córdoba, a Orquestra Sinfónica das Illas Baleares, a Oviedo Filarmonía, a Orquestra de Extremadura ou, en 2016, a prestixiosa Tonhalle Orchester de Zurich, onde foi seleccionado polo mestre David Zinman para unha Masterclass xunto á devandita formación.
A OSG, cuxo director titular desde a temporada 2023-24 é Roberto González-Monjas e Víctor Pablo Pérez o seu director honorario, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación en 1998. Ademais, a súa presenza nacional e internacional foi constante, con concertos nas mellores salas en España e con varias xiras por Alemaña e Austria. En 2007 realizou unha xira por América do Sur —con concertos en Chile, Arxentina, Brasil, Uruguai e Montevideo—, a finais de 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena e en 2016 ofreceu dous concertos nos Emiratos Árabes.
Tanto para os seus concertos internacionais como para os seus programas de abono, a OSG conta con solistas como Anne-Sophie Mutter, Isabelle Faust, Maurizio Pollini, Krystian Zimerman, Grigory Sokolov, Frank Peter Zimmermann, Maria Joao Pires, Elisabeth Leonskaja, Dmitri Sitkovetsky, Stefan Dohr, Alica Sara Ott, Gil Shaham, Sarah Chang, Leonidas Kavakos, Arcadi Volodos, Mischa Maisky, Javier Perianes ou Christian Lindberg entre outros moitos.
A OSG converteu a súa canle de YouTube na máis vista do sector en España e unha das máis visitadas a nivel europeo: con máis de cen mil subscritores os vídeos da OSG superan os trece millóns de visualizacións no último ano desde un total de 227 países. O éxito internacional da súa canle e as retransmisións en streaming HD iniciadas na temporada 14-15 supuxeron a súa proposta para o premio Classical: Next Innovation Award 2015.
Para asistir ao concerto débese reservar praza no número de teléfono 658 627 525.