Estes formadores/as comprometidos/as aterraron en Covelo e estableceron o “seu campamento base” no albergue Alentea. Mimetizados co fermoso medio natural de Covelo tentaron averiguar e medir como afectamos ao noso patrimonio natural cos nosos xestos diarios e puxeron en común distintas propostas que poderían atenuar a nosa pegada no planeta.
A Associação Juvenil A Jornada dos Heróis de Portugal; a Att?st?bas fabrika de Letonia; a EESTI People To People de Estonia; a Evropske Centrum Mladeze Breclav European Youth Centre Breclav Z.S (EYCB) de Chequia; a Freedom Universe de Polonia; a Koinoniki Synetairisti Epicheirisi Sillogikiski Kai Koinonikis Ofeleias Infinity Greece de Grecia e a MOH de Italia organizados pola galega Covelonatural calcularon a pegada do ser humano no planeta Terra para saber cantos planetas precisamos para soster o noso actual estilo de vida. A modo de exemplo tomaron de referencia as cifras españolas, que revelan unha pegada ambiental de 3,8 hectáreas globais por persoa, o que significa segundo o informe de 2022 da Red de Huella Global que “España vive como se tivera 2,8 planetas. Os datos recollidos ata 2018 desvelan que o ritmo de consumo dun cidadá español medio xenera un déficit ecolóxico de -2,8hag (hectáreas globais por persona) fronte ao 1,5 hag de capacidade biolóxica de rexeneración. É dicir, precisaríamos 2,8 planetas para proporcionar os recursos para a actual sociedade de consumo. O informe do Parlamento Europeo EU progress on climate action –How are the Member States doing? revela que “España representa o 9% do total europeo das emisións de gases de efecto invernadoiro (GHG)”, segundo este informe no ano 2019 cada español/a emitíu 7,1 toneladas de CO2, por debaixo da media europea de 8,4 toneladas.
Ademais da pegada de carbono tamén contabilizaron a pegada hídrica poñendo números aos litros de agua que consumimos para moitas das nosas accións. Xuntos analizaron tamén o impacto da industria téxtil no medio ambiente e realizaron obradoiros como o de cosmética natural. Pero tamén tiveron oportunidade de compartir coa veciñanza local e conversar arredor das principais preocupacións medioambientais. Participar no xantar popular do churrasco ou nas actividades de Artealdea provocou que reflexionaran coa poboación de Covelo sobre os incendios, as tradicións, a cultura popular ou as especies invasoras, entre outras cuestións. O seu paso por Covelo tamén fixo posible excursións para coñecer o bosque Atlántico como a visita guiada a San Xoán de Mosteiro, reflexionar sobre que iniciativas que se realizan en cada país conectadas coa sostibilidade ou intercambiar experiencias das persoas máis veteranas coas que comezan a iniciarse.
A calidade da auga da billa, o número de fontes públicas, a nosa riqueza patrimonial e o folclore popular son algúns dos nosos bens materiais e inmateriais e sorprenderon e gustaron a estes cidadáns e cidadás chegados doutras partes do mundo.
Pero se hai algo que os deixou cun bo sabor de boca foron os pratos preparados por Mari Carmen de Alentea. Grazas a ela aprenderon que a comida vexetarina é variada, saborosa e mesmo enerxética. Unha das premisas do programa era manter durante estes días unha dieta vexetariana para concienciar sobre o impacto da produción de carne. Pensaban que ía ser unha dieta aburrida e que ían sentir fame pero as croquetas de lepiotas ou as acelgas rebozadas de Mari Carmen, entre outras, foron quen de convencelos das bondades deste tipo de alimentación.
Co obxectivo de concienciar sobre o impacto das nosas decisións diarias e estilo de vida no medio ambiente; de entender mellor o impacto do cambio climático no noso medio; de intercambiar prácticas sobre educación ambiental entre diferentes países; de inspirar a educadores a adentrarse na educación climática e promover unha cidadanía este equipo de formadoras e formadores activa e concienciar e dar a coñecer as oportunidades do ERASMUS + e o Corpo Europeo de Solidariedade para comezar proxectos a nivel local e internacional.
Xa de volta nos seus países de orixe relatarán o traballo realizado en Covelo e organizarán diferentes eventos para compartir a súa vivencia e coñecementos adquiridos ademais de difundir e afondar no ERASMUS+. Levarán, así, o nome do noso concello por moitos recunchos do mundo.
Dende a asociación Covelonatural valoran moi positivamente estes proxectos que permiten coñecer iniciativas, enfoques e metodoloxías de resolución de problemas relacionados co medio ambiente ao ser o principal obxectivo deste colectivo a protección do patrimonio natural.