Actualidade e Noticias



Tradición galaico portuguesa mañá martes no Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera
- 14/08/2023 -

Locus Musicus, que traerá sons medievais galaico portugueses, dará paso ao concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia o vindeiro día 25 de agosto
O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera ofrecerá mañá martes día 15 o concerto de Locus Musicus. Será como de costume na igrexa de San Martiño ás 20 horas.


Locus Musicus, que traerá sons medievais galaico portugueses, dará paso ao concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia o vindeiro día 25 de agosto. A programación desta decimoquinta edición péchase o 16 de setembro con Vox Stellae, que leva acompañando ao Ciclo de Música de Barcia de Mera dende os seus comezos e que este ano cumpren quince anos dende a súa fundación “e queremos celebralo con eles”, explica Nieves García Sotos que xunto ao Pai Rafael decidiron facer do conxunto abacial de Barcia de Mera o epicentro das persoas amantes da música clásica posibilitando escoitar a voces e músicos de primeiro nivel nesta fermosa contorna.


Locus Musicus pode traducirse ao castelán como "O instante musical" ou "O lugar musical". Formouse en 1997 e interpretan un repertorio dos séculos XII ao XVIII.Para as súas interpretacións utilizan instrumentos de época. Ademais dos seus concertos en escenarios de todo o mundo tamén colaboran con grupos de teatro, como músicos de escena en entremeses, retablos e obras medievais e renacentistas. O grupo Locus Musicus, formado por Elena Gómez (voz), Carlos Zumajo (frauta traveseira medieval e gaita), Laureano Estepa (vihuela de arco) e Eduardo Moreno (percusión), convida o oínte na viaxe do navegante. Cantos e danzas da Idade Media a unha peregrinaxe pola variada paisaxe sonora de entre os séculos IX e XIV.


O programa do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera atrae, un ano máis, a centos de apaixoados/as da música clásica ao Concello de Covelo. Todos os concertos son ás 20 horas e débese reservar praza no número de teléfono 658 627 525.


O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, agradece o traballo realizado e salienta a importancia desta iniciativa que achega a música culta a todos os públicos. “O Ciclo de Música de Barcia de Mera fai posible que toda a cidadanía poida escoitar a músicos de escala nacional e internacional, brinda unha ocasión única de vivir unha experiencia músical de primeira sen saír da nosa contorna e é, sen dúbida, un dos acontecementos culturais máis importantes de toda a área metropolitana de Vigo”.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade