Locus Musicus, que traerá sons medievais galaico portugueses, dará paso ao concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia o vindeiro día 25 de agosto. A programación desta decimoquinta edición péchase o 16 de setembro con Vox Stellae, que leva acompañando ao Ciclo de Música de Barcia de Mera dende os seus comezos e que este ano cumpren quince anos dende a súa fundación “e queremos celebralo con eles”, explica Nieves García Sotos que xunto ao Pai Rafael decidiron facer do conxunto abacial de Barcia de Mera o epicentro das persoas amantes da música clásica posibilitando escoitar a voces e músicos de primeiro nivel nesta fermosa contorna.
Locus Musicus pode traducirse ao castelán como "O instante musical" ou "O lugar musical". Formouse en 1997 e interpretan un repertorio dos séculos XII ao XVIII.Para as súas interpretacións utilizan instrumentos de época. Ademais dos seus concertos en escenarios de todo o mundo tamén colaboran con grupos de teatro, como músicos de escena en entremeses, retablos e obras medievais e renacentistas. O grupo Locus Musicus, formado por Elena Gómez (voz), Carlos Zumajo (frauta traveseira medieval e gaita), Laureano Estepa (vihuela de arco) e Eduardo Moreno (percusión), convida o oínte na viaxe do navegante. Cantos e danzas da Idade Media a unha peregrinaxe pola variada paisaxe sonora de entre os séculos IX e XIV.
O programa do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera atrae, un ano máis, a centos de apaixoados/as da música clásica ao Concello de Covelo. Todos os concertos son ás 20 horas e débese reservar praza no número de teléfono 658 627 525.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, agradece o traballo realizado e salienta a importancia desta iniciativa que achega a música culta a todos os públicos. “O Ciclo de Música de Barcia de Mera fai posible que toda a cidadanía poida escoitar a músicos de escala nacional e internacional, brinda unha ocasión única de vivir unha experiencia músical de primeira sen saír da nosa contorna e é, sen dúbida, un dos acontecementos culturais máis importantes de toda a área metropolitana de Vigo”.