Present News



As familias reencóntranse na romaría da Nosa Señora da Guía de Maceira
- 12/08/2023 -

Disco móbil, xogos infantís, verbena, xantar popular, procesión e actos litúrxicos ao longo dos días 13, 14 e 15 de agosto
Como cada ano dende mediads do século XVIII a parroquia de Maceira, en Covelo, celebra as festas na honra da Virxe da Guía. No Arquivo Histórico Diocesano de Tui podemos atopar as primeiras referencias a esta festividade na que a Virxe da Guía da igrexa parroquial Divino Salvador sube á ermida do Alto da Guía para xuntarse coa advocación da virxe que habita na capela.


Foi tal a devoción que esta virxe espertou nos feligreses que a principios do século XX decidíuse ampliar a capela inicial construída nos primeiros anos do século XVIII. “No chan, entre o retábulo e o altar cara o público óllanse estes signos: J.M.C. 1903. Alude ao abalde e capelán D. José María Cruces, nativo da parroquia que no 1903 remodelou e ampliou a antiga capela, especialmente dotándoa de ampla bóveda e ábside”, así o podemos ler nos folletos informativos ofrecidos na igrexa.


Segundo o libro de contas da capela (1866-1903) sabemos que esta mellora alcanzou os 13.218 reais e foi realizada polo mestre canteiro Marcelino Rodríguez.


Cada 15 de agosto a veciñanza portaba a imaxe da Virxe da Guía da igrexa parroquial levándoa montaña arriba para se atopar coa advocación da virxe da Capela onde o Cruceiro da tonte. Xuntas remataban a viaxe ata o cumio onde se celebraba, e celebra, non só a misa solemne e a procesión, tamén un popular xantar acompañado de música e postos ambulantes para mercar todo tipo de viandas. “Así mesmo é tradicional nas romarías desta parroquia que a procesión, que sae da igrexa do Divino Salvador, faga a parada litúrxica no altar que os veciños do barrio de Castro que os veciños/as lle teñen preparado alí. Igualmente que a imaxe da capela saia baixando en procesión ata o Cruceiro da Fonte (século XVIII) a esperar a imaxe da parroquial. Chegadas ao santuario da Guía as imaxes, franquean a fachada do templo unha a cada lado, quedando ambalas ao culto e veneración dos moitos e fervorosos romeiros/as”.


Ao longo destes anos son moitas as familias que se reúnen na romaría da Virxe da Guía e alí xantan e comparten alimentos co resto das familias. Antes de escurecer, os e as devotos baixan de novo a pé á virxe da igrexa parroquial para agardar, tres estacións máis, a volver saír de peregrinaxe pasando polo barrio do Castro. As bondades da Virxe da Guía son sobradamente coñecidas entre a veciñanza da comarca que acuden pedindo unha mellora da súa saúde. Devotas e devotos ofrecen cera en forma de distintas partes do corpo á virxe na procura de alivio e axuda.


Pero as festas arrincan antes, a asociación veciñal Virxe da Guía de Maceira, que organiza a festa, adianta que o día 13 a partir das 22:30 haberá discoteca móbil na praza de Maceira e o o sábado a partir das 19:30 unha ginkana de xogos para crianzas e adultos. Ao remate a pizzería Castelo a asociación veciñal Virxe da Guía de Maceira convidará ás/aos participants a unha merenda. A partir das 22:30 horas chega a verbena con Ángel América e La Nave. O domingo día 15, día da Virxe da Guía ás 10 horas haberá misa na igrexa parroquial e ao remate sae a procesión rumbo á capela da Guía portando a imaxe. Mentres na capela haberá unha primeira misa ás 11:15 e coa chegada das dúas Virxes terá lugar a misa solemne arredor das 12:15 horas. Os gaiteiros de Tía Isolina amenizarán a xornada na que haberá bancos e mesas para xantar e postos de comida.


A novena que xa comezou o día 7 mantense cada día ás oito da tarde e, ademais, haberá misa o día 13 ás 11 horas na igrexa de Maceira e o día 14 ás 12:30 horas para dar paso ás tradicionais ofrendas e poxos de Santo Antonio.


O párroco Jesús Cajide explica a importancia destes intres de convivencia e celebración familiar na que compartir e reencontrarse.


Na visita episcopal de 1780, faise constar que a capela está decente e conta con todo o necesario para celebrar cultos relixiosos. Tamén se dí que nela poderase dicir misa cando se queira, menos os días de precepto en que os fieis deben asistir á igrexa parroquial.


Patrimonio

Ademais da ermida podemos atopar, a doce metros da capela, un peto de ánimas coñecido como “Almiñas de Ponte dos Carros” procedente do lugar de Pencellos e colocado no lugar actual no ano 1993 polo abalde D. Xesús. Lamentablemente o peto de ánimas foi froito do vandalismo e a imaxe dun Santiago peregrino está decapitada e fraccionada a man dereita.


Tamén diante do santuario a uns 30 metros de distancia, nun outeiro con panorámica a Covelo, álzase o cruceiro de máis de seis metros, rematado en cruz metálica. Ata aquí chegan as procesións de cada romería e dan volta ao seu arredor camiño da capela. Na base lese a seguinte inscrición: “Cristo Redentor. Recuerdo peregrinación mariana-año jubilar 1904”. É obra do mestre canteiro, de Maceira, Abdón Solla, levantado alí o 9 de agosto de 1904, como lembranza do Ano Xubilar da Purísima Concepción.


A súa historia

A primeira mención escrita que atopamos nos libros Benefecios e Visitas do Arquivo Histórico Diocesano sobre a Nosa Señora da Guía, data de 1754. No ano 1778 fálase de Nosa Señora de la Asunción ou da Guía. Nesta ocasión é a propósito da visita do bispo. Ilmo. Ser. D. Diego Fernández Angulo, sendo abade o Rvdo. D. Fernando de Castro, anótase que debe asegurarse a ara do altar da capela, así como que, cando se siga alí misa, se poña sobre dito altar o correspondente crucifixo.


As últimas melloras foron realizadas na capela da Guía (1990-2004) sendo abade-capelán o actual crego D. Xesús Cajide coa axuda das esmolas do santuario e dos fregueses da parroquia.


Nosa Señora da Guía

Esta capela de Nosa Señora da Guía, unha das máis monumentais e de maior devoción popular, pertence ao Divino Salvador de Maceira de Covelo. Trátase dun auténtico e fermoso santuario.


O seu emprazamento

Atópase ao leste e bastante máis arriba do Castro de Maceira (2 km). Sitúase no medio dunha alta chaira da Cordilleira de Fontefría, en territorio de Maceira cunha explanada con arboreda, prantío de 1990 e anos sucesivos, mesas, fonte de auga potable e grande aparcadoiro.


Descrición da capela

Trátase dunha grande edificación de pedra ben labrada, incluso o tellado. Atópase orientada ao nacente. Consta dunha nave de cruz latina con bóveda sobre o cruceiro e nave central de medio cañón. Esta descansa enriba da capela lateral da dereita e sobre a sacristía do extremo da esquerda. Ao fondo da súa cabeceira no interior levántase un bonito retábulo. A súa fachada, con entrada de amplo arco de medio punto, pecha, formando parte dun amplo porche de entrada, novos pináculos nos extremos (despois de ser roubados os antigos) aparece rematada nunha cruz sobre a espadana central con campá. A ermida conta con dúas portas máis; unha na parte lateral da esquerda que da entrada á sacristía polo exterior; outra na banda dereita (cara ao norte) amosando no seu lintel o anagrama do Ave María.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade