Actualidade e Noticias



A unidade veciñal fai posible que desfile o Ramo do Rosario
- 07/08/2023 -

A Asociación O Ramo do Rosario tomou o relevo e confeccionou o ramo facendo posible, así, que non se perdan as tradicións
Un ano máis o tradicional Ramo do Rosario desfilou en Godóns para perpetuar os rituais populares que acompañan a historia das veciñas e veciños desta parroquia e da contorna. Este ano, por vez primeira, tomou o relevo a, recentemente creada, Asociación O Ramo do Rosario, que naceu para manter vivas as tradicións e legalas ás novas xeracións. A súa vocación é promover vivos estos costumes que provocan momentos de encontro e fomentan a unidade veciñal.

 

Ao non ser posible que o relevo o collan os matrimonios casados na igrexa parroquial, a asociación suplirá esta circunstancia e confeccionará, a partir de agora, o ramo ao estilo tradicional: unha rama de piñeiro de como mínimo cinco rodas de pólas, adornos de papel de cores, flores e fitas coroando cada rama, unha cabaza con viño, unha rosca e un polo simbolizado agora por unha figura e dar, así, cumprimento á Lei de Protección e Benestar Animal.

 

Cada primeiro domingo de agosto sairá o Ramo do Rosario da Casa Cultural de Godóns para acadar a igrexa e acompañar a procesión. A veciñanza gozará dun picoteo que emulará o que ofrecían os maiordomos nos seus fogares.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade