Por segundo ano consecutivo, o pequeno veciño saharaui participará, ao igual que o resto das cativas e cativos de Covelo, nas actividades ofertadas polo Concello e gozará da paisaxe do rural.
A delegada de zona de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Conchi Fernández, quixo acompañar a esta familia galego-saharaui no momento da recepción na Casa do Concello e anima a todas as persoas a vivir esta experiencia exemplo de convivencia e integración de todas as persoas nunha comunidade.
Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto, que en Galicia desenvolve SOGAPS, a petición expresa do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
Galicia vén participando nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias galegas acolledoras .
Este programa conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia, e o apoio dos concellos, ademais a asistencia sanitaria é posible grazas a un convenio entre SOGAPS e Sergas que se suman aos múltiples convenios que a Solidariedade Galega co Pobo Saharaui ten con ocultistas, ópticas, dentistas...
O alcalde de Covelo recoñeceu o importante papel que xogan as familias que amosan o seu lado máis solidario proporcionando durante dous meses un fogar a estas nenas e nenos que naceron no exilio no medio dun clima de guerra e que, en Galicia, teñen a oportunidade de coñecer formas distintas de vida.
Conchi Fernández, pola súa parte, suliñou que grazas á implicación das familias reciben asistencia médica e alimenticia.
Os Campamentos de Refuxiados Saharauís están situados no suroeste do territorio alxeriano, exactamente na súa zona fronteiriza co Territorio saharauí
Neles viven ao redor de 165.000 persoas, fundamentalmente mulleres e nenos, xa que a maior parte dos homes se encontran nas chamadas zonas liberadas do Territorio nacional( Sahara Occidental), encadrados nas diferentes divisións do exército saharauí.
Esta parte do territorio alxeriano está situado en pleno deserto do Sahara, un lugarinóspito atravesado por dúas únicas estacións do ano: inverno, onde son frecuentes as temperaturas de 1 grao e verán, onde os termómetros alcanzan con frecuencia os 60 graos, o cal fai que a vida neste lugar sexa case imposible.