Covelo recibirá da Xunta de Galicia 77.129€ para a mellora de camiños municipais e acceso a parcelas agrícolas
- 14/02/2022 -
Así o adiantou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, na súa visita ao Concello de Covelo
Xunto co alcalde, Pablo Castillo, o delegado territorial supervisou as obras realizadas en Godóns ao abeiro do Plan Marco 2021-2022 cun investimento total de 61.519 euros
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vén de conceder unha achega de 77.129 euros ao Concello de Covelo ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023. Así llo comunicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, na súa visita ao Concello de Covelo para supervisar as obras realizadas coa anterior convocatoria na compaña do alcalde, Pablo Castillo.
En concreto, a resolución deste departamento da Consellería do Medio Rural outorga 87.899 euros á Cañiza, 77.129 euros a Covelo, 50.004 euros a Crecente, 45.392 euros a Arbo, 64.904 euros a Ponteareas, 59.519 euros ás Neves, 54.828 euros a Salvaterra, 54.668 euros a Mondariz e 28.949 euros a Mondariz-Balneario.
“A Xunta vai inxectar máis de medio millón de euros nestas bisbarras do interior sur da provincia para a mellora das súas pistas municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do campo. Ademais, a aposta pola colaboración cos concellos refórzase aínda máis, xa que a partida increméntase de xeito considerable nunha media dun 30% con respecto a 2021”, sinalou o representante autonómico.
Visitas a pé de campo
Na súa visita ás bisbarras, o delegado territorial acudíu a supervisar en primeira instancia a mellora de camiños en Godóns, no termo de Covelo, que foi executada cunha achega de 61.519 euros do Plan Marco 2021-2022. Esta actuación dá continuidade ás realizadas en anos anteriores, ao abeiro deste mesmo programa, nos lugares de Sal Salvador de Prado, Prado de Canda, Piñeiro, Campo, Barciademera, Casteláns, Santa Mariña, Paraños e Covelo por un importe de 320.449 euros.
“Con esta actuación puidemos mellorar o acceso á explotacións gandeiras como a de Sutibal, a complexos turísticos como o Lugar dos Devas e aos fogares da veciñanza da zona dando un paso máis na mellora continua dos servizos a cidadanía”, explica o alcalde Pablo Castillo.