Present News



A actriz Vicky Peña estrea Desarraigo este sábado no Ciclo de Música de Barcia de Mera, Covelo
- 13/07/2023 -

A actriz catalá elixe a nosa vila para estrear unha obra cargada de denuncia e de sensibilidade xunto a Orestes Gás con textos de Alberto Iglesias
Tras o éxito do concerto musical e recitado La música en otros cuerpos o Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera ofrecerá este sábado día 15 a estrea de Desarraigo da famosa actriz Vicky Peña. A igrexa de San Martiño de Barcia de Mera convertirase no escenario dunha obra de denuncia social na que tomaremos consciencia da situación dos refuxados e dos exiliados. A actriz catalá, preocupada “polo mundo que deixamos” elixe a nosa vila para estrear unha obra cargada de denuncia e de sensibilidade xunto a Orestes Gás e con textos de Alberto Iglesias.

 

Agosto acollerá dous concertos, o de Locus Músicus que traerá sons medievais galaico portugueses e o da Orquestra Sinfónica de Galicia o día 25. A programación desta decimoquinta edición péchase o 16 de setembro con Vox Stellae, que leva acompañando ao Ciclo de Música de Barcia de Mera dende os seus comezos e que este ano cumpren quince anos dende a súa fundación “e queremos celebralo con eles”, explica Nieves García Sotos que xunto ao Pai Rafael decidiron facer do conxunto abacial de Barcia de Mera o epicentro das persoas amantes da música clásica posibilitando escoitar a voces e músicos de primeiro nivel nesta fermosa contorna.

 

O programa atraerá, un ano máis, a centos de apaixoados/as da música clásica ao Concello de Covelo. Todos os concertos son ás 20 horas e débese reservar praza no número de teléfono 658 627 525.

 

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, agradece o traballo realizado e salienta a importancia desta iniciativa que achega a música culta a todos os públicos. “O Ciclo de Música de Barcia de Mera fai posible que toda a cidadanía poida escoitar a músicos de escala nacional e internacional, brinda unha ocasión única de vivir unha experiencia músical de primeira sen saír da nosa contorna e é, sen dúbida, un dos acontecementos culturais máis importantes de toda a área metropolitana de Vigo”.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade