Actualidade e Noticias



Bares e restaurantes de Covelo servirán menú churrasco a prezo reducido no día da XLII Festa do Churrasco
- 12/07/2023 -

As empresas colaboradoras respectarán os prezos establecidos polas bases da XLII edición da Festa do Churrasco de 6 euros como máximo, mantendo o prezo durante todo o día, ofrecendo a posibilidade de realizar reservas e comida para levar
Nove locais de hostalaría servirán churrasco de Covelo a prezo reducido o vindeiro día 25 de xullo, día de Santiago, patrón do Concello de Covelo. O Concello pechou hoxe o prazo de inscrición para os locais de hostalería colaboradores coa XLII edición da afamada festa do churrasco.

 

Un ano máis, poderase degustar as carnes do Suído e a costela de porco nos bares e restaurantes colaboradores da festa do churrasco ao mesmo prezo que no Campo da Feira, onde se celebra a tradicional festa gastronómica.

Os locais onde poderemos gozar dunha boa tallada son o bar Sebastián en Barcia de Mera; tapería O Buraco de Covelo; o Lugar dos Devas en Cernadela, Godóns; o restaurante da casa cultural da Graña; o bar La Graña; o bar Lemos na Hermida; o bar Cuartel na Lamosa e os bares Río Tea e Plaza en Maceira.

As empresas colaboradoras respectarán os prezos establecidos polas bases da XLII edición da Festa do Churrasco de 6 euros como máximo, mantendo o prezo durante todo o día, aplicado só para os produtos entregados polo Concello a cada establecemento. Cada local adherido recibirá 21 kg de carne de porco, 21 kg de carne de tenreira e 7’5 kg de chourizo criollo.

 

Tendo en conta que este evento constitúe un factor determinante para o desenvolvemento económico e social do concello abrimos sempre unha vía de colaboración non só para dar un servizo axeitado e responder á demanda de todo tipo de visitantes e participantes tamén para promocionar os locais de hostalaría e empresas locais colaboradoras ás que lle facilitamos de xeito gratuíto a carne do churrasco”, explica o alcalde Pablo Castillo.

 

Pola súa banda, os establecementos participantes comprométense a ofrecer a posibilidade de realizar reservas durante a Festa do Churrasco e quendas de comidas, así como de recollida da comida para levar. Así mesmo, deberán informar ó público do horario no que darán o servizo nun lugar ben visible en cada un dos establecementos.

 

Dende os anos 80 ata hoxe

A Festa do Churrasco do Concello de Covelo constitúe un evento gastronómico que se remonta a mediados dos anos oitenta e que acompaña a súa grande tradición gandeira con máis de 2.000 reses de raza rubia galega alimentadas nos pastos locais e produtos derivados do porco curado na montaña.

 

Programación especial festas patronais e do churrasco

O 21 de xullo a partir das 23:30 horas a discoteca móbil instalarase na praza Mestre Cerviño para celebrar a Festa da Xuventude. Tralo éxito do ano pasado, o Concello repite aposta e convida a toda a mocidade da comarca e da área metropolitana a compartir estes días festivos.

O 23 de xullo organízanse varias quendas para poder participar na visita guiada ao Serradoiro dos Carranos, en Maceira, da man do guía de montaña Julio Eiroa. O 24 de xullo chegan as verbenas coa orquestra Ritmo Joven a partir das 23:30 horas. O 25 de xullo, día de Santiago, celébranse as festas patronais coa XLII edición da afamada festa do churrasco coas actuacións de Pelepau e Milladoiro.

 

O Concello de Covelo irá colgando máis detalles de cada unha das actividades na súa páxina web concellocovelo.es

 

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade