Actualidade e Noticias



Covelo recoñece o traballo do director do CEIP Antonio Blanco Rodríguez
- 19/06/2023 -

O centro educativo celebrou as graduacións do alumnado de terceiro de infantil e sexto de educación ao tempo que sorprendeu ao director cunha homenaxe polos seus 33 anos de servizo no colexio
O Concello de Covelo, a través do seu alcalde, quixo agradecer o traballo e a traxectoria do director do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, Xoán Carlos Barbosa Fernández,no transcurso da celebración das graduacións do alumnado do colexio.


No día de hoxe o colexio público de Covelo celebrou as graduacións do alumnado de terceiro de infantil e sexto de primaria pero tamén a despedida do seu director. “Grazas Xoán por estes máis de 30 anos de traballo no noso colexio, tan só hai que ver como está o centro para decatarse de toda a dedicación que hai detrás. Foron moitas as familias que pasaron por aquí e dende o Concello, no meu nome e no de todas e todos os concelleiros, só nos queda darche as grazas e desexarte unha boa xubilación”, manifestou o alcalde de Covelo, Pablo Castillo.


Logo de 33 anos no centro educativo, e os últimos 21 como director, Xoán Barbosa tivo palabras de agradecemento para todas as persoas presentes, compañeiros e compañeiras, ANPA, persoal do centro, familias e alumnado.


Durante as celebracións proxectáronse emotivos vídeos en homenaxe ao alumnado que se graduou e ao director Xoán Barbosa. Tamén houbo momento para os agasallos, recoñecementos, baile e xogos.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade