Actualidade e Noticias



Nova cita coa Mostra de Produtos de Covelo este sábado día 5
- 03/02/2022 -

Artesanía, agricultura ecolóxica, xoiería, pulpeiro e música son algúns dos ingredientes desta mostra que se asenta na axenda da veciñanza da área metropolitana cada primeiro sábado de mes
 O Concello de Covelo convida á cidadanía a gozar un sábado máis da Mostra de Produtos de Covelo. A mostra, que se celebrará este sábado día 5 de 10 a 14 horas, aséntase na axenda da veciñanza da área metropolitana que, cada primeiro sábado de mes visita, a nosa vila para mercar produtos de primeira calidade e gozar da gastronomía local.

A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, informa que, por mor das obras de humanización da praza Mestre Cerviño e contorna, a mostra ubicarase na travesía de Vigo nas inmediacións do centro de saúde e do lavadoiro.

Artesanía, agricultura ecolóxica, xoiería, moda, produtos de beleza, pulpeiro, voluntariado social e música son algunhas das propostas que atraen mensualmente á veciñanza local e multitude de persoas dos concellos veciños que optan por pasar o resto do día percorrendo algún dos diferentes roteiros de sendeirismo, visitando a rectoral de Barcia de Mera, o Museo Pazo da Cruz, paseando pola praia fluvial de Maceira ou gozando das vistas do miradoiro do Castelo do Faro.

“A Mostra de Produtos de Covelo facilita un espazo no que clientes e produtores da zona poden coñecerse pero ademais promove un encontro no que socializar e gozar do tempo de lecer. A maioría das persoas aproveitan para coñecer o noso concello e degustar a gastronomía local na que non faltan boas carnes e receitas tradicionais, tendo tamén ocasión de probar pratos máis novidosos na hostalaría das rectorais ou da aldea Lugar dos Devas”.

Na páxina web do concello pódense atopar todos os atractivos turísticos locais http://www.concellodecovelo.es/?sec=25


<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade