En homenaxe ao nome da parroquia, Maceira, ás 12:30 horas do sábado 17 terá lugar o concurso de empanada de mazá no que poderán participar todas as persoas interesadas tan só inscribíndose no número de teléfono 626 986 510 . O xurado puntuará o sabor e a presentación das exquisitas receitas outorgando 100€ ao primeiro premio, 75€ ao segundo e 50 ao terceiro.
Festa gastronómica
Deste xeito, iremos espertando o noso apetito para logo entrar de cheo nos manxares máis terreais. A directiva da asociacion Virxe da Guía de Maceira organiza a “I Festa do Colesterol por un día” na que degustaremos patacas fritidas con ovos e chourizos acompañados dun delicioso postre por tan só 6€. A organización tamén ofrecerá un menú infantil por 3€ a base de hamburguesa de carne dos montes de Covelo provida da gandeiría Sesteira de Godóns. No servizo de bar que ofrecerá a asociación atoparemos todo tipo de bebidas e café. “Quixemos ofrecer un menú popular, sabroso e para todos os públicos e bolsillos no que tamén puideramos exaltar a calidade das carnes criadas nos nosos montes”, explican dende a directiva.
A música non faltará nesta xornada festiva e os grupos a Banda do Sequío e Tía Isolina porán ritmo para que poidamos bailar e deixar na pista de baile esas calorías de máis. O domingo día 18 celebrarase a misa solemne ás 11 horas na honra de Santo Antonio seguida da procesión e dos tradicionais poxos que a nova directiva tamén quixo recuperar.
A presidenta da Asociación Virxe da Guía de Maceira explica que despois da procesión procederase a subastar os produtos da matanza e carnes aportadas pola veciñanza tal e como se facía antano, “hai moitos anos que se deixou de celebrar Santo Antonio e esta nova directiva marcámonos o obxectivo de recuperar as tradicións e involucrar á mocidade para que deixen o legado ás futuras xeracións. Deste xeito serán moitas as mozas e os mozos que axudarán na organización, que participarán no concurso de empanada de mazá e que bailarán na praza. Por iso convidamos a todas as persoas, mozas e maiores, que veñan a Maceira e nos acompañen ao longo do día”.