Actualidade e Noticias



Covelo soterra as liñas eléctricas na contorna da praza de Paraños
- 26/05/2023 -

O Concello suma preto de trinta mil euros ao orzamento inicial para eliminar o impacto visual do cableado, mellorar unha levada obstruída e ampliar a zona de adoquín na contorna da reitoral e da praza
Aproveitando a execución das obras de “Recuperación e Mellora do Espazo Público no Núcleo Rural de Paraños” o Concello de Covelo soterrará as liñas eléctricas no ámbito de actuación.


As obras, que afrontan a súa recta final, teñen un custe inicial de 359.390€ ao que o Concello suma preto de trinta mil euros para eliminar o impacto visual do cableado e mellorar unha levada obstruída e reparación da tubaxe. Ademais, o Concello decidíu amplíar a zona de adoquín na contorna da reitoral e da praza.


Habitar espazos agradables que promovan os encontros, que faciliten a vida diaria e sexan unha boa tarxeta de presentación para as persoas que chegan son algunhas das cuestións ás que dan resposta as obras de “Recuperación e Mellora do Espazo Público no Núcleo Rural de Paraños”.


O ámbito de actuación no que se centra este proxecto de recuperación e mellora do espazo público engloba tanto a praza principal do núcleo como unha parte do trazado dos viarios que o vertebran e que, partindo dela, a conectan cos equipamentos públicos e privados principais como a igrexa, o parque infantil e área recreativa, o FAVUM (lagar da cera), o Centro de Interpretación da Ceraría, a Rectoral, o comezo e final do roteiro do río Xabriña, á área recreativa do Roupeiro e o centro cultural de Paraños.


Deste xeito, o Concello, no marco do Plan REACPON da Deputación de Pontevedra, actúa en 2.971,20 m² conservando o arborado existente nunha zona que será de prioridade peoníl con tramos de plataforma única abertas ao tránsito necesario con medidas de redución e calmado de tráfico, consistentes na limitación da velocidade máxima a 10 km/h e na disposición de redutores físicos de velocidade.


As actuacións ensalzarán a importancia dos elementos patrimoniais e así dotarase de calidade ó pavimento do seu espazo circundante potenciándoo con iluminación indirecta na base do seu perímetro.


Coa intención de mellorar a integración entre as edificacións e os pavimentos do espazo público e de dotar de calidade estética ao conxunto convivirán pavimento de enlousado de granito silvestre gris/moreno, formigón coloreado e pavimentos brandos de mestura de xabre.


A actual posición das árbores propicia a creación de zonas de estancia para a veciñanza dispondo bancos ao redor das mesmas, buscando as diferentes zonas de vistas e, sobre todo, sombra ao longo do día. Ademais dispóñense dúas fileiras de bancos na zona frontal da fonte coa intención, non só de focalizar (ao carón deste ben patrimonial) o encontro entre os veciños e veciñas e o punto de partida do roteiro do río Xabriña, senón tamén para delimitar e protexer a fonte. Neste lugar colocarase un aparcadoiro para bicicletas.


O pavimento de enlousado de pedra levantarase para proceder ao enlace das instalacións previstas de recollida de augas pluviais e fecais coas redes existentes, momento no que se aproveitará para regularizar algunhas zonas do mesmo que presentan un notable deterioro na súa planeidade.


Estas obras enlazan e dan continuidade a dúas actuacións realizadas na contorna, correspondentes á mellora da accesibilidade e humanización do camiño da Igrexa de Sta. María de Paraños, financiada pola Deputación de Pontevedra, e á Creación do Centro de Interpretación da Ceraría e Adecuación do Contorno, promovida pola Comunidade de Montes Veciñais de Paraños, financiada con fondos FEDER.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade