Actualidade e Noticias



O serradoiro dos Carranos abre as súas portas este domingo, ven visitalo!
- 03/02/2022 -

A concellería de Turismo convida a participar nesta nova xornada de portas abertas con visitas guiadas totalmente de balde
A oferta cultural e turística ofrece tamén as rutas do Museo Pazo da Cruz e as rutas de observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía
 A concellería de Turismo do Concello de Covelo, que dirixe Lourdes Enes, convida a participar nunha nova xornada de portas abertas do serradoiro dos Carranos. Será este domingo día 6 de febreiro e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán. As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra (liña de subvención Plan Concellos) para o ano 2022. Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz e as de observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía.

A organización ofrece a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652. Cada grupo terá un máximo de 10 persoas participantes e deberá facerse uso de mascariñas e xel desinfectante ademais de manter a distancia de seguridade polo COVID-19.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes.
Lourdes Enes engade que “neste ano 2022 as xornadas de portas abertas do serradoiro dos Carranos terán lugar cada primeiro domingo de mes. As inscricións abren o luns desa semana ata esgotar as prazas. Do mesmo xeito, os roteiros guiados e interpretados terán lugar o segundo domingo do mes e as inscricións abren o luns da mesma semana ata esgotar prazas”.

Neste mes de febreiro tamén se poderá participar no roteiro Pedra do Lobo que terá lugar o vindeiro domingo día 13. Estas actividades permitirán coñecer o patrimonio natural e etnográfico a través do sendeirismo nos roteiros dependentes das Comunidades de Montes e do propio Concello.

As rutas do Museo Pazo da Cruz
As rutas do Museo Pazo da Cruz son guiadas polo propietario e director do Museo Etnográfico Pazo da Cruz, Maximino Fernánndez Sendín. Con saída dende a praza Mestre Cerviño na que se explicará a historia e principais características do Cruceiro dos Aflixidos de Cerviño, a continuación visita ó Museo Etnográfico Pazo da Cruz en A Hermida, á Casa Leónides en A Graña, ós Chozos da Serra do Suído e á Capela da Xestosa. O desprazamento realizarase en autobús.

O serradoiro dos Carranos
O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o aserradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de Madeira, unha pequena forxa e un pequeño almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí.A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.
http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html

Observar as estrelas
Para as/os interesadas/os nas experiencias de observación das estrelas en plena natureza, ofrécense saídas dende a Igrexa de San Salvador de Prado para facer parte da Ruta de As Estrelas ata a Serra do Faro na parroquia de San Salvador de Prado, onde se atopa o miradoiro e observatorio astronómico Alto do Castelo, recentemente declarado paraxe Starlight. As e os participantes poderán contar con telescopios adecuados e coas explicacións de técnicos da Asociación Galega de Astronomía.


<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade