De 6,5km de duración e dificultade doada, o roteiro da Poza Piñeiro ten un trazado lineal de ida e volta cunha duración aproximada de tres horas e media. Esta actividade, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, é de balde e require inscrición previa no número de teléfono 654 500 652. A hora e punto de saída son ás 10 horas no cemiterio de Piñeiro.
O guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa, explica que a Poza Piñeiro foi construída augas arriba do primixenio “Puzo Vello” que cumpría a función de rego dos campos da parroquia. Co paso do tempo, converteuse nunha zona húmida de grande interese paisaxístico e natural. Na súa contorna atópanse turbeiras activas de montaña, gandería extensiva en pastos, chozos e curralas, avifauna e o gran mamífero carnívoro, o lobo ibérico.
Dende o cemiterio de Piñeiro seguirán a pista ancha con cancela que debemos pechar ao pasar. Iremos gañando desnivel pouco a pouco. En cada descanso podemos contemplar as vistas do val do Tea as nosas costas ou o imponente Coto de Eira a nosa esquerda. Ao pasar por un fabuloso piñeiro solitario saberemos que estamos preto do desvío cara abaixo que remata nunha pequena área de lecer para descansar á beira da Poza. As vistas panorámicas do Val do Tea e do sur da provincia de Pontevedra son privilexiadas.
O roteiro ten alta exposición ao sol e cómpre tomar medidas para evitar a deshidratación e golpes de calor.