Present News



Covelo investirá máis de cen mil euros en reparar os danos causados polas inundacións
- 19/05/2023 -

O Concello de Covelo vén de solicitar á Deputación de Pontevedra apoio para executar o proxecto "muros de contención e canalizacións de pluviais"na Bugariña, Carballeda, Casteláns e Lourido
O Concello de Covelo informa que vén de solicitar á Deputación de Pontevedra 111.770,85 € para a execución do proxecto “muros de contención e canalizacións de pluviais para a reparación de danos causados por inundacións”.

 

En concreto, o Concello de Covelo destinará esta subvención á reparación de muros e canalizacións de pluviais na Bugariña. en Carballeda, en Casteláns e en Lourido co obxectivo non só de repor o estado das zonas afectadas, tamén de reforzalas e preparalas para afrontar novas inclemencias climatolóxicas.

 

Nos primeiros días posteriores ás inundacións, o Concello de Covelo executou con fondos e medios propios distintas intervencións de urxencia en diferentes puntos do concello. Agora investirá 24.154€ na reparación do parque infantil e do torreiro das festas de Lourido que resultaron moi afectados pola auga derrubándose unha boa parte do mesmo. En Casteláns haberá que executar obras por valor de 27.249€ na mellora do camiño de acceso ao cemiterio parroquial. Na Bugariña levantarase un muro de contención caído, entre outros traballos, cun custo total de 9.731€ e en Carballeda, parroquia de Santiago de Covelo, realizaranse traballos de reposición de tubaxes e conducións de augas orzamentados en 7.705€.

 

O alcalde, Pablo Castillo, explica que o Concello, consciente da dispersión xeográfica e da nova configuración dos terreos, realiza cada ano investimentos en ferramentas e nova maquinaria para afrontar o mantemento de cunetas, desbroces e camiños municipais pero que cando chegan imprevistos atmosféricos de intensidade superior son insuficientes ao provocar danos de maior envergadura. Por este motivo agradece a colaboración da cidadanía que mantén as súas propiedades e contorna limpas e coidadas xa que así contribúen nun bo aproveitamento dos recursos humanos, materiais e orzamentarios do concello.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade