Deste xeito tan, aparentemente, mundano pero símbolo de grande devoción a veciñanza conectaba co celestial. Agasallar o mellor dos seus fogares, o froito do seu esforzo, era unha seña de compromiso, de contribución e de integración coa veciñanza. Os poxos producíanse despois da celebración da misa, que este ano será ás 13 horas.
Pero as persoas que se acheguen a Baldomar a vivir esta experiencia terán tamén o privilexio de aprezar a riqueza histórica do conxunto formado pola igrexa de cruz latina e o santuario da Nosa Señora ao pé da Cruz, admirando de preto o baldaquino barroco ou o cruceiro do desencravo do torreiro.
Segundo relata Andrés Fuertes Palomera “a antigüidade desta parroquia coñecémola pola mención que da mesma se fai, no ano 1258, nos Milagres de San Pedro Telmo citando ao seu párroco Xoán Peláez”. As primeiras referencias do santuario da Nosa Señora ao Pé da Cruz de Baldomar datan do 8 de maio do 1711 cando o abade de Santa Mariña, D. Pablo Rosales Troncoso e Figueroa, solicita ao bispo D. Anselmo Gómez de la Torre, “fundar e instituír perpetuamente nel o descendemento da cruz todos os venres santos pola tarde. Renuncia que tiña a percibir as esmolas, e fai cesión delas ao Santuario para obras, culto e veneración da imaxe de Nosa Señora ao Pé da Cruz”. A partir de aquí este conxunto sacro enriquécese con expresións artísticas litúrxicas que engrandecen o conxunto. Pero un devastador incendio e sucesivos saqueos provocarán que non cheguen ata os nosos días. Este Santuario posuía unha reliquia doada pola Marquesa de Baamonde a comezos do Século XVIII que foi roubado co Lignum Crucis. No ano 2000 prodúcese a restauración íntegra do santuario e dende o ano 2015 o santuario conta con outra pequena reliquia da Santa Cruz de Cristo e un novo relicario.
Baldomar e o santuario da Santa Cruz volverán, un ano máis, ser escenario do misticismo simbolizado en pezas de cera, das crenzas, da esperanza, do reencontro e das gañas de compartir nunha xornada na que recuperar tradicións, mercar recordos do santuario, revivir tempos pasados e coñecer o rico patrimonio local.