Present News



Covelo recepciona o conxunto abacial de Barcia de Mera para a súa posta en valor
- 04/05/2023 -

O Concello proxecta a prestación de servizos socio-culturais públicos que beneficien á cidadanía e que promovan o coñecemento do pazo abacial
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e D.Jesús Carracedo, diácono de Asuntos Económicos do bispado, asinaron en presenza da notaria e do párroco de Barcia de Mera, D. Rafael Antela, a cesión temporal e gratuíta do conxunto abacial de Barcia de Mera. O Concello de Covelo recepciona así o pazo abacial, a casa de obra, o alpendre e o hórreo do conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera.


Ao longo dos vindeiros 50 anos o Concello de Covelo xestionará esta importante obra do patrimonio arquitectónico e cultural, podendo despois prorrogalo baixo acordo do Concello e da Diócese de Tui-Vigo. Co obxectivo de restaurala e pola en valor, o Concello de Covelo recibe este ben histórico que considera de interese público e un dos elementos patrimoniais máis salientables da contorna. O conxunto abacial será declarado Ben de Interese Cultural con categoría de monumento polo seu valor histórico , arquitectónico, artístico e etnolóxico.


Este conxunto arquitectónico atrae a viaxeiros e viaxeiras que se achegan ao noso concello só para admiralo e coñecelo e cremos que é importante que recupere o seu esplendor para o goce non só da cidadanía, tamén dos e das visitantes e en especial para o desfrute da veciñanza de Barcia de Mera ”, sinala o alcalde, Pablo Castillo.


O Concello de Covelo xa traballa na tramitación das correspondentes autorizacións e licencias que permitan a intervención de restauración e rehabilitación do conxunto barroco.


O Concello proxecta a prestación de servizos socio-culturais públicos, entre outros posibles usos, que beneficien á cidadanía, que promovan o coñecemento do pazo abacial e, en definitiva, que lle dean vida e sexa para o desfrute de todas e todos dende “o respecto a esta xoia do pasado que chegou ata os nosos días sen perder o seu valor e beleza”.


Pablo Castillo suliña que a cesión do pazo posibilitará un amplo e rico espazo no que ofrecer actividades culturais, con prioridade para as iniciativas da parroquia de Barcia de Mera.


Por último, quere agradecer a boa disposición do bispado e de D. Rafael, sacerdote da parroquia, por aceptar as condicións da cesión e poder destinalo ao uso público.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade