Actualidade e Noticias



Segundo seminario da Universidade de Vigo no auditorio municipal de Covelo
- 02/05/2023 -

A partir das 16:30 horas aprenderemos sobre arte e historia da man da Uvigo e mañá desenvolverase unha saída didáctica
O auditorio municipal de Covelo acolle esta tarde o segundo seminario do ciclo ofrecido pola Universidade de Vigo en colaboración co Concello de Covelo.

 

Celebrado xa o seminario sobre saúde e benestar, esta tarde ás 16:30 horas aprenderemos sobre arte e historia cunha sesión teórica e unha saída didáctica que se celebrará mañá mércores 3 de maio.

 

Seguir aprendendo e promover o coñecemento é o obxecto do convenio que o Concello de Covelo e a Universidade de Vigo asinaron no pasado ano froito da colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e as Universidades de Santiago, Coruña e Vigo. Esta colaboración permite que a veciñanza de Covelo se beneficie por segundo ano consecutivo de novos seminarios universitarios para maiores de 50 anos.

 

Impartidos en horario de tarde, os seminarios desta nova edición continuarán con formación sobre pilates, “soidade non desexada” e “tecnoloxía para o uso de ferramentas no teléfono móbil”.

 

O alcalde, Pablo Castillo, considera moi importante poder ofrecer ás persoas que viven no rural o maior número de servizos posibles non só básicos se non tamén aqueles que promoven a formación continua, espallan coñecementos e nos facilitan estar actualizados e familiarizados con novas ferramentas. Ademais, estes seminarios posibilitan o encontro de persoas con inquedanzas similares nun espazo común.

 

Os seminarios, que se desenvolven en abril e maio, son impartidos por profesores/as da Universidade de Vigo e teñen sesións divulgativas e prácticas con 2 saídas/visitas programadas no seminarios de Saúde e Benestar e no de Arte e Historia de Covelo.

 

Ante o éxito do ano anterior, este ano pasaremos de tres a cinco seminarios, ofrecendo dous máis novamente da man da Universidade Senior de Vigo e do seu proxecto "Mareas de Coñecemento" engade Lourdes Enes, concelleira responsable de Formación.

 

As persoas que desexen obter máis información deberán contactar co Concello no número de teléfono 986 65 00 27 (ext 4) ou na oficina de formación de luns a venres de 08:00 a 14:00 horas.

 

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade