O venres 26 de maio o tramo cronometrado TC 1-3 será testumuña da 56 edición do Rally Rías Baixas pertencente á Copa de España de rallys de asfalto. A primeira pasada será ás 18:12 minutos e a segunda ás 20:58. A hora de peche do tramo ao tráfico será ás 16:42, momento a partir do que tan só os vehículos da organización e da Garda Civil de Tráfico poden acceder no sentido de circulación do tramo. A organización lembra que entre a primeira pasada e a segunda non se permitirá o acceso ao tramo de vehículos do público dende o exterior do mesmo.
O alcalde de Covelo facilitou á organización todas os recursos materiais solicitados e amosou a súa satisfacción por volver acoller unha nova edición que, unha vez máis, elixe a estrada PO-9204 para ofrecer este espectáculo de destreza ao volante.
A agrupación de Protección Civil e a escudería Rías Baixas solicitan a colaboración de toda a veciñanza no cumprimento das normas e recordan que non é preciso exporse nin elexir ubicacións arriscadas para poder gozar dos mellores momentos.
Fernando Mouriño trasladou ao alcalde e á presidenta de Protección Civil o seu agradecemento, “organizar probas deste nivel non é doado por iso é imprescindible a colaboración de Concellos, voluntarios, Garda Civil de Tráfico, Deputación, Proteción Civil, pilotos e afeccionados. É un pracer volver a Covelo e non só polas facilidades, tamén pola paisaxe e o xogo que dan os tramos das súas estradas”.
Víctor Senra – David Vázquez gañaron a anterior edición do Rally Recalvi Rías Baixas 2022 despois de avantaxar a todos os seus perseguidores por máis de 1 minuto de diferenza. Víctor Senra marcou o mellor tempo en 9 dos 10 tramos cronometrados, conseguindo ao final do rallye unha renda de 1 minuto e 20 segundos co segundo clasificado Jorge Pérez – Miriam Beira, que mantivo unha bonita loita durante todo o rally con José Luis Peláez – Alberto Chamorro que finalmente foi terceiro.