Actualidade e Noticias



O GDR Condado Paradanta afonda na transición enerxética mañá, en Covelo
- 27/04/2023 -

Será mañá venres 28 de abril ás 19:30 horas no auditorio municipal de Covelo
O Concello de Covelo acolle mañá venres día 28 unha das xornadas do ciclo “GDR Condado-Paradanta: A transición enerxética no Condado Paradanta”, así o traslada o alcalde de Covelo e presidente deste GDR, Pablo Castilllo.


O auditorio municipal abrirá as súas portas para recibir aos expertos Manolo Docampo, Doutor en Socioloxía e profesor da Universidade de Santiago de Compostela; Xavier Simón, Doutor en Economía, profesor da Universidade de Vigo e director do Observatorio Eólico de Galicia; Raquel Novoa, presidenta da comunidade enerxética de Liñares en As Neves e Bruno Dutto, técnico da comunidade enerxética de Tameiga, en Mos.


A partir das 19:30 e moderado polo xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González, abrirase un coloquio no que as e os expertos explicarán que é unha transición enerxética e como debería ser.


Esta xornada forma parte do ciclo que o GDR comarcal está realizando ao longo dos concellos dentro da súa estratexia “Pensa, Actúa e Constrúe Territorio” co obxectivo de ofrecer información á veciñanza para un mellor aproveitamento dos recursos locais a través de accións sostibles tanto medioambientalmente como económica e socialmente.


O presidente do GDR, Pablo Castillo, explica que “debemos seguir de preto exemplos e boas prácticas de éxito noutros emprazamentos e que sexan aplicables aos nosos concellos, analizar novas ferramentas, formarnos e buscar aquelas que poidan aproveitar o potencial do noso territorio”.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade