O auditorio municipal abrirá as súas portas para recibir aos expertos Manolo Docampo, Doutor en Socioloxía e profesor da Universidade de Santiago de Compostela; Xavier Simón, Doutor en Economía, profesor da Universidade de Vigo e director do Observatorio Eólico de Galicia; Raquel Novoa, presidenta da comunidade enerxética de Liñares en As Neves e Bruno Dutto, técnico da comunidade enerxética de Tameiga, en Mos.
A partir das 19:30 e moderado polo xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González, abrirase un coloquio no que as e os expertos explicarán que é unha transición enerxética e como debería ser.
Esta xornada forma parte do ciclo que o GDR comarcal está realizando ao longo dos concellos dentro da súa estratexia “Pensa, Actúa e Constrúe Territorio” co obxectivo de ofrecer información á veciñanza para un mellor aproveitamento dos recursos locais a través de accións sostibles tanto medioambientalmente como económica e socialmente.
O presidente do GDR, Pablo Castillo, explica que “debemos seguir de preto exemplos e boas prácticas de éxito noutros emprazamentos e que sexan aplicables aos nosos concellos, analizar novas ferramentas, formarnos e buscar aquelas que poidan aproveitar o potencial do noso territorio”.