Actualidade e Noticias



A Universidade Senior de Monçao coñecerá o patrimonio material e inmaterial de Covelo da man da asociación Río Xabriña de Paraños
- 13/04/2023 -

O alumnado da Universidade Senior de Monçao, convidados pola asociación cultural e deportiva Rio Xabriña de Paraños, visitará o conxunto abacial de Barcia de Mera, o serradoiro dos Carranos e a parroquia de Paraños onde celebrarán unha festa para entrar en contacto coa música tradicional

A asociación cultural e deportiva Río Xabriña de Paraños organiza a recepción, este venres día 14, dun grupo de persoas da localidade portuguesa de Monçao pertencentes á aula de Patrimonio da Universidade Senior de Monçao.

 

Co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio artístico, gastronómico e natural así como a música tradicional galega, dende primeira hora da mañá do venres visitarán o conxunto abacial de Barcia de Mera tendo tempo para facer unha proba da boa acústica da igrexa e para iso empregarán as súas voces. A tuna da Universidade Senior e o grupo Seixos Brancos entonarán para comprobar a sonoridade desta igrexa que cada ano acolle o Ciclo de Música. Dende aí desprazaranse ao serradoiro dos Carranos e pararán, a continuación, para xantar pratos típicos como a carne ao caldeiro, “un manxar galego que non adoitan preparar no país veciño e que supón unha mostra da nosa cociña tradicional”, explica María José Gallego González, presidenta da asociación Río Xabriña de Paraños.

 

A asociación Río Xabriña quixo agasallar, tamén, á Universidade lusa tempo de lecer cunha pequena festa na casa cultural de Paraños amenizada polo grupo de gaitas Chorima de Vilacoba. Tamén actuará a tuna da Universidade Senior de Monçao e o grupo Seixos Brancos pertencente á asociación de Paraños. Será a partir das catro da tarde.

 

Con este evento, que servirá para estreitar relacións ao redor da cultura e do patrimonio, colaboran a Cámara de Monçao, o Concello de Covelo, a Deputación de Pontevedra e CENSO.

 

A presidenta da asociación explica que é “fundamental transmitir e dar a coñecer o alto valor do patrimonio tanto material como inmaterial que temos na nosa vila e sentirse orgulloso del porque é rico, variado e abundante”.




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade