Co obxectivo de que as nosas persoas maiores non teñan que abandonar Covelo cando xa non poden vivir soas e precisan coidados profesionais o Concello de Covelo continúa cos trámites para obter todos os permisos necesarios e evitar, así, o desarraigo dos nosos maiores que poderán envellecer na súa terra.
A nova residencia de Covelo contruirase nunha parcela municipal do centro urbano de Maceira que o Concello xa puxo a disposición do proxecto. Ofertará 59 prazas na residencia de maiores e 20 no centro de día. Pola súa ubicación no centro da parroquia, accesibilidade e por estar preto de servizos que poden ser utilizados polos usuarios/as e familiares a parcela reúne os requisitos precisos para acoller este tipo de infraestrutura.
O Concello de Covelo estudará agora as posibles colaboracións de empresas xestoras para redactar o plan de viabilidade e a futura xestión. O concello conta xa cunha residencia de maiores ubicada na praza Troveiros do centro urbano de carácter privado pero con prazas públicas, fórmula que podería
volver repetirse xa que o concello non dispón de persoal propio para o desenvolvemento diario da xestión do centro nin capacidade económica nin legal para a contratación de profesionais. Por este motivo, o goberno municipal avaliará as diferentes propostas.
A nova residencia non só dará cobertura aos nosos maiores, tamén xerará postos de traballo e dinamizará a contorna.