Actualidade e Noticias



Covelo acolle as actividades para recuperar a memoria sobre José Gil, grande pioneiro do cinema galego
- 11/04/2023 -

Parte da adolescencia e xuventude de Gil transcorreu na parroquia da Lamosa, na casa cuartel da Garda Civil, onde o seu pai estivo destinado entre 1881 e 1890
O proxecto JOSÉ GIL. PONTEVEDRA, PROVINCIA DE CINE, NA ORIXE DO CINEMA, promovido por Vía Láctea Filmes, coa colaboración de Cine na Rúa e Editorial Galaxia, e apoiado pola Deputación de Pontevedra, chega esta próxima fin de semana á vila do Covelo, lugar co que JOSÉ GIL (Rubiós, 1870-Vigo,1937) mantivo un especial fío de conexión nos albores da súa xuventude.

 

Parte da adolescencia e xuventude de Gil transcorreu na parroquia da Lamosa, na casa cuartel da Garda Civil, onde o seu pai estivo destinado entre 1881 e 1890. Alí asistiu á escola de Paredes. O ronsel de Gil na Lamosa constátase a través dunha fotografía publicada na revista Vida gallega (25/3/1921) co pé de foto: “En Lamosa obsequian a los viajeros las relaciones de la patria local de Gil”.

 


José Gil na Lamosa en 1921 (Covelo)

Coas actividades que nutren esta xira preténdese amosar aos veciños e veciñas das vilas coas que Gil tivo algunha relación na súa andaina persoal e profesional, a importancia do traballo, o talento e o legado do auténtico precursor do cinema galego, inxustamente esquecido.

 

Preténdese tamén achegar aos rapaces e rapazas, estudantes de Covelo neste caso, a memoria e o arquivo do cinema máis inicial, aquel que se estaba a crear en Galicia ao tempo que nacía esta arte ao longo de todo o mundo. Para a xeración do audiovisual, os nenos e nenas que nacen e medran rodeados de pantallas e con milleiros de contidos accesibles, está resultando toda unha experiencia asistir aos encontros, proxeccións e coloquios arredor de Gil e o seu tempo.

 

 

Chegamos a Covelo este venres 14 e sábado 15 de abril con proxeccións, a presentación do libro "Nos días encantados de agosto", de Manolo González (Ed. Galaxia), coloquios e música, nunha sesión vermut na que a Banda de Música de Rubiós, berce de José Gil, interpretará temas que nos van levar a outro tempo, aínda que semelle o contrario, non tan afastado do noso.

 

A Covelo arribará tamén o CINEMÓBIL Nº3, museo itinerante a partir do que a explicación sobre a vida e a obra de Gil gaña outra dimensión.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade