Actualidade e Noticias



Concellos galegos, Cámaras portuguesas, Deputacións e Institucións Públicas Culturais dun e doutro lado da Raia acordan potenciar A Vía Mariana
- 31/03/2023 -

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, participou no II Encontro Transfronteirizo da Vía Mariana no que se presentou un mapa interactivo que guiará ás e aos camiñantes e porá en valor o patrimonio material e inmaterial da Vía
A Vía Mariana Luso Galaica, que une os antigos santuarios de devoción mariana entre Braga e Muxía, constitúe un itinerario cultural e natural de primeira orde europea, que se recoñece como un legado da historia que recolle o inmenso patrimonio cultural etnográfico e natural do territorio histórico da antiga Gallaecia”, con estas verbas arrincaba a lectura do “Acordo de Melgaço” ratificado polo alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e polo resto das vinte alcaldías de Concellos galegos e presidencias de Cámaras portuguesas, Deputacións, Xunta de Galicia e institucións homólogas de Portugal que participaron no II Encontro Transfronteirizo da Vía Maríana celebrado no concello portugués de Melgaço para avanzar na potenciación do coñecido como “camiño feminino”.

 

Pablo Castillo manifestou que “somos afortunados por poder amosar o noso Concello dende esta vía” que é a unión dos camiños de devoción aos nosos santuarios nun único itinerario que acolle xa a peregrinos e peregrinas de toda Europa que se achegan ás nosas aldeas, pobos e cidades, nun intercambio cultural, social e turístico.

 

A Vía Mariana Luso Galaica descubre o mundo rural e con él un patrimonio material e inmaterial “tan importante como a maior das catedrais, que temos o deber de legar a futuras xeracións, tanto por respecto ao mesmo como para un desenvolvemento sustentable, económico e social que colabore co futuro das persoas que o habitan. Dar vida ao noso rural a través da cultura, das nosas tradicións, do coñecemento e do encontro fraterno co resto dos pobos de Europa será a nosa maior contribución ao seu progreso e autoestima”, relataba De la Riera na lectura do acordo.

 

Presidido pola presidenta da Asociación Vía Mariana Luso Galaica, María José Silva, e polo presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista, alcaldesas, alcaldes, deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra; vicepresidencia da Deputación da Coruña e Turismo de Galicia amosaron o seu apoio a esta vía sacra que percorre máis de 400 km dende Braga a Muxía.

 

Neste exitoso segundo encontro a directiva da Vía Mariana, presentou unha nova ferramenta de apoio ás persoas camiñantes. Deseñada pola presidencia da Vía Mariana facilitará a planificación das xornadas e mellorará a localización de puntos de interese. Trátase dunha infografía que ilustra gráfica e esquemáticamente os 400 km da Vía Mariana. Iconos orixinais creados para esta infografía que sitúan os santuarios e unha selección do patrimonio máis representativo (igrexas marianas, pontes, castros…). Tamén ubica as montañas máis altas, ríos e lugares de especial relevancia medioambiental. “A tan só un golpe de vista podemos coñecer o tramo e a Vía en xeral, é un documento didáctico, visual e interactivo dun só folio para facilitar o manexo”, explica a presidenta da Vía Mariana, María José Silva. Con tan só ampliar as zonas, e seleccionando o punto que queremos, accedemos á información desa etapa (tracks e patrimonio), información de puntos salientables e información sobre a credencial e a Mariana premendo nos iconos. A infografía inclúe un código QR para descargalo e acceder dende o teléfono móbil a toda a información.

 

Tódolas alcaldesas, alcaldes, presidentes de Cámaras, representantes das Deputacións de Pontevedra e A Coruña así como Turismo de Galicia salientaron a riqueza patrimonial e medioambiental dos tramos da Vía Mariana e a oportunidade que supón non só para peregrinos e peregrinas que transitan paisaxes espectaculares, tamén para a veciñanza destas vilas nas que pode supor un importante dinamizador económico.

 

Peregrinas e peregrinos como embaixadores de excelencia

Todas as persoas participantes tomaron a palabra para amosar o seu compromiso na mellora dos seus tramos. Alcaldías galegas de A Coruña e Pontevedra e Presidentes de Cámaras portuguesas; A Baña, A Cañiza, A Lama, Ames, Arbo, Brión, Campo Lameiro, Covelo, Fornelos de Montes, Mazaricos, Melgaço, Mondariz, Moraña, Muxía, Santa Comba, Valga e Vimianzo; Deputación de Pontevedra, Deputación de A Coruña, Turismo de Galicia e a Divissâo de Desarrollo Sociocultural de Portugal ratificaron o “Acordo de Melgaço” co compromiso de promocinar e divulgar a Vía ante todas as instancias posibles, nacionais e internacionais, e de contribuír para a súa inclusión na lista de Itinerarios Culturais Europeos do Consello de Europa. Ademais, no manifesto ao que deu lectura José de la Riera sinalan que traballarán dun xeito colaborativo en actividades culturais que incentiven o coñecemento da Vía Mariana. Tamén axudarán ao/á peregrino/a en tránsito, tanto en material de instalacións municipais, parroquiais, veciñais ou privadas como de hospitalidade como sinal distintivo de todos os itinerarios de peregrinación, sendo as e os peregrinos “o/a mellor embaixador/a”. Por último respectarán e farán respectar o patrimonio material e natural vinculado ao itinerario e axudarán ao mantemento físico e sinalización do roteiro para o tránsito libre e seguro das persoas. De la Riera rematou agradecendo o movemento humano que ampara a Vía Mariana e o apoio das institucións presentes e asociadas á Vía Mariana Luso Galaica.

 

No encontro o empresario, Pepe Formoso, responsable dos establecementos de hostalaría Bela Fisterra e Bela Muxía relatou a súa experiencia e o impulso económico que supón a chegada das e dos peregrinos ás vilas, convidando ás administracións e iniciativas privadas a traballar da man.

 

María José Silva salienta que a Vía Mariana é unha proposta diferente na que atopar un contacto directo coa natureza, con espazos rurais de alta riqueza patrimonial e lonxe do asfalto e dos ruídos das zonas urbanas. “A Vía Mariana é un percorrido pola historia das vilas arrodeados da fauna e da flora local. A única intervención é a do desbroce, sinalización e limpeza para facilitar o tránsito das persoas camiñantes. Hoxe demos un paso máis e a presenza de todas as autoridades locais, das Deputacións e da Xunta a través de Turismo de Galicia, simboliza que estamos a falar dunha vía de alto valor”.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade