Present News



Obradoiro de cerámica con torno, polbeiro, música en directo e ducias de postos de produtos de proximidade este sábado na Mostra de Produtos de Covelo
- 30/03/2023 -

O sábado día 1 de 10 a 14 horas poderemos mercar, aprender nos obradoiros e gozar da música e da boa gastronomía local
 O Concello de Covelo convida a toda a veciñanza a participar na Mostra de Produtos de Covelo que, como cada primeiro sábado de mes, se celebra na praza Mestre Cerviño do centro urbano.

 

Esta nova cita ofrecerá un obradoiro demostrativo de cerámica con torno. Coa artesá Neres, “Peixe Negro”, coñeceremos nocións básicas desta arte. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse chamando ao número de teléfono do Concello de Covelo, 986 59 40 33, de luns a venres de 8 a 14 horas. Ademais, haberá sesión vermú coa música en directo de Diego Freire e, como artista convidada, Emi.

Este sábado virá cargado de novidades como a do novo polbeiro que ofrecerá un dos pratos estrelas da gastronomía galega. Os restaurantes e bares locais completarán a oferta gastronómica cos seus menús e os que desexen mercar carne de primeira calidade do gando criado nas nosas parroquias poderán facelo nas dúas carnicerías da localidade.

Este sábado día 1 de 10 a 14 horas na praza Mestre Cerviño gozaremos dunha nova cita coa mostra de artesanía na que poderemos atopar produtos téxtiles, xoiería, prantas, decoración, cerámica polimérica, cosmética natural, pan artesán, cervexa artesán, horta ecolóxica, cestería, pintura, maquetería, helicicultura, instrumentos musicais de madeira, xoguetes, libros e un sinfín de produtos de primeira calidade.

Completa a oferta os postos de segunda man nos que, previa petición ao Concello, as persoas poden vender aqueles artigos que xa non precisen. O Concello informa que no caso de chuvia adíase a feira para o sábado 8 de abril.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade