Present News



Covelo participa no II Encontro Transfronteirizo da Vía Mariana
- 29/03/2023 -

O Concello intensifica as tarefas de limpeza e mantemento dos dous tramos da Vía Mariana ante a previsión de incremento de camiñantes en Semana Santa
O Concello de Covelo participará no II Encontro Transfronteirizo de Presidentes/as de Cámara e Alcaldías da Vía Mariana que terá lugar mañá xoves día 30 marzo nas termas de Melgaço. Nesta xornada de traballo participarán alcaldesas e alcaldes portugueses e galegos e outras autoridades representantes de Deputacións e organismos análogos de Portugal e membros da Consellería de Cultura.

No encontro presentarase unha nova ferramenta, deseñada pola presidencia da Vía Mariana, para facilitar a planificación das xornadas e mellorar a localización de puntos de interese. Trátase dunha infografía que ilustra gráfica e esquemáticamente os 400 km da Vía Mariana. Iconos orixinais creados para esta infografía que sitúan os santuarios e unha selección do patrimonio máis representativo (igrexas marianas, pontes, castros…). Tamén ubica as montañas máis altas, ríos e lugares de especial relevancia medioambiental. “A tan só un golpe de vista podemos coñecer o tramo e a Vía en xeral, é un documento didáctico, visual e interactivo dun só folio para facilitar o manexo”, explica a presidenta da Vía Mariana, María José Silva.

 

Con tan só ampliar as zonas, e seleccionando o punto que queremos, accedemos á información desa etapa (tracks e patrimonio), información de puntos salientables e información sobre a credencial e a Mariana premendo nos iconos. A infografía inclúe un código QR para descargalo e acceder dende o teléfono móbil a toda a información.

 

Pola súa banda, o Concello de Covelo intensifica as tarefas de limpeza e mantemento de cara á tempada de Semana Santa conscientes do incremento de camiñantes. “A Vía Mariana suma cada ano máis e máis camiñantes que tanto a percorren en grupo como de xeito individual. Fai que cada anos se acheguen ao noso concello persoas chegadas de todo o mundo ás que recibimos con ledicia tentando ofrecerlles o que precisen para descansar, recuperar folgos e que poidan continuar”, explica o alcalde de Covelo, Pablo Castillo. A vía Mariana ao seu paso por Covelo posibilita contemplar vistas únicas e descubrir recunchos fermosos aos que só se accede facendo a Vía. “É unha perfecta carta de presentación da riqueza medioambiental do noso concello que convidamos a coñecer a todo o mundo”.

O Concello de Covelo, para difundir e promover os seus tramos da Vía Mariana, oferta dentro da súa programación anual de roteiros, actividades guiadas nas que percorrer e coñecer a riqueza dos dous tramos: Parada de Achas-A Franqueira-Covelo e Covelo-Barcia de Mera-Estacas.

 

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade