Present News



Covelo mellorará a contorna da igrexa de Santiago en Prado da Canda
- 23/03/2023 -

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que se executarán obras de saneamento e recollida de augas pluviais, pero tamén obras de embelecemento co cambio do asfalto por pedra diante da igrexa e a colocación de mobiliario urbano
O goberno de Covelo avanza na súa aposta por unha vila máis amable para as persoas e mellorará a contorna da igrexa de Santiago en Prado da Canda. Froito da boa xestión económica e transparencia da contabilidade municipal, o Concello pode permitirse esta actuación que ten un custo de 197.302€ que serán financiados con fondos propios a través do Plan Concellos 22/23 da Deputación de Pontevedra.


O alcalde, Pablo Castillo, informa que as obras abordarán o saneamento en dous ramais da Aldea de Abaixo, a canalización das recollidas de auga pluviais e a renovación do pavimento na contorna da igrexa que pasará do actual asfalto á pedra nun exercizo de embelecemento da zona. “Traballamos para que o día a día da nosa veciñanza sexa máis doado e agradable por iso a nosa prioridadde é a mellora dos espazos e servizos públicos indispensables para desenvolvernos, para relacionarnos e mesmo para recibir ás persoas que nos visitan”. O Concello realizará unha intervención integral con traballos no subsolo e tamén en superficie transformando o espazo público para un maior desfrute da cidadanía.


Para a execución das mesmas deberán realizarse traballos de demolición; preparación do terreo, colocación de drenaxe, tubaxes e colectores; preparación de cunetas con adoquín en granito silvestre, retiradas previamente as existentes de formigón, e apertura de cunetas onde exista arcén de terra. Ademais, instalaranse canaletas e rellas de fundición e renovarase o pavimento en todo o trazado tanto na Aldea de Abaixo como no ramal con tramos de formigón e espazos e accesos peonís con solados de granito silvestre ao igual que na contorna da igrexa de Santiago.


As obras complétanse coa instalación de novas barandas, pasamáns e rodapés. Tamén se contempla a colocación de bancos de granito silvestre e sinalización de limitación de velocidade a 30km/h.




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade