Actualidade e Noticias



Reunión informativa sobre comunidades enerxéticas este venres no auditorio de Covelo
- 14/03/2023 -

O Concello convida a toda a cidadanía a informarse sobre este modelo de autoconsumo colectivo no que as e os participantes se benefician da enerxía que producen ou xestionan
O Concello de Covelo informa da celebración dun encontro informativo sobre comunidades enerxéticas aberto a toda a cidadanía interesada, tanto local como do resto dos concellos, este venres 17 de marzo ás 18:00 h. no auditorio municipal. Persoas expertas na implantación destas fórmulas de enerxía comunitaria explicarán as distintas posibilidades que se abren con esta nova normativa europea.

 

Raquel Fernández, experta en Enerxía de Amigas da Terra; José Eiras, da cooperativa Nosa Enerxía S.C.G; e Fernando Malvar, de Buchabade S.C.G. conversarán coas persoas participantes ao redor destas formas de autoconsumo colectivo no que as e os participantes se benefician da enerxía que producen ou xestionan. Unha comunidade enerxética é un novo modo de xerar, usar e xestionar a enerxía no ámbito local a través da cooperación de diferentes axentes (cidadanía, asociacións, administración local e pemes) que contribúen á creación dun sistema enerxético sostible, descentralizado, xusto, eficiente e colaborativo.

 

As comunidades enerxéticas son entidades xurídicas baseadas na participación aberta e voluntaria, autónomas e efectivamente controladas por socios/as ou membros que están situados nas proximidades dos proxectos de enerxías renovables. O seu obxectivo é proporcionar beneficios ambientais, económicos ou sociais ás persoas asociadas ou ás zonas onde operan en lugar de ganancias financieiras.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade